Renfe volve autorizar levar patinetes eléctricos nos trens pero con novas condicións
Os vehículos terán que ter seguro, estar inscritos na DXT e contar con placa de identificación
A administración revoga a prohibición imposta en 2023 despois de que ardesen varias baterías
Tres anos despois en España volve estar permitido levar patinetes eléctricos no tren, ou outro tipo dos coñecidos como vehículos de mobilidade persoal (VMP). Renfe revoga a prohibición que impuxera en decembro de 2023 tras os incidentes causados polos incendios de varias baterías, que crearon certa alarma social.
Agora, a compañía di que os VMP xa contan cunha regulación específica que facilita o seu control e cre que, por tanto, se mellorou a súa seguridade.
O certo é que no primeiro día poucos viaxeiros sabían que se podía volver levar patinetes nos trens. Estes últimos anos foi máis habitual ver bicicletas, posto que tamén está autorizado o transporte de bicis eléctricas.
Renfe di que os VMP deben seguir o mesmo camiño porque son un modelo de transporte que se pode combinar co ferrocarril para facilitar a mobilidade, sobre todo nas cidades, como acontece en varios países europeos.
Condicións estritas
Os VMP volven estar autorizados pero con condicións: só se permitirá o acceso daqueles patinetes que estean homologados e cumpran coa Lei 5/2025 que impón a obriga de contar cun seguro de responsabilidade civil. Ademáis, deberán estar inscritos no Rexistro de Vehículos da DXT e dispoñer dunha placa ou etiqueta de identificación ou matrícula.
Nos trens terán que levarse pregados na zona de equipaxes e, para evitar incendios, estará prohibido cargar as baterías durante as viaxes.
Segundo a Federación Española de Vehículos de Mobilidade Persoal, en España hai aproximadamente sete millóns de patinetes eléctricos e outros VMP e o seu uso segue medrando.