Publicador de contidos

Publicador de contidos

A folga convocada polo Sindicato de Maquinistas cancela varios trens en Galicia

A folga convocada polo Sindicato de Maquinistas cancela varios trens en Galicia

O paro xa estaba organizado antes do accidente de Toledo para reclamar máis seguridade no ferrocarril

Ademais das previstas en Galicia tamén se suprimiron algunhas viaxes incluídas nos servizos mínimos

G24.gal 29/10/2026 14:36

Varios trens de Media Distancia, Rexionais e algúns tamén de alta velocidade quedaron suspendidos en Galicia pola folga de 24 horas do Sindicato de Maquinistas para reclamar máis seguridade. Tamén todos os enlaces do Tren Celta con Portugal. O paro xa estaba convocado antes do accidente de Toledo. Renfe di que, na quenda da mañá, o seguimento foi do 15 por cento pero non dá datos concretos dos servizos que foron suprimidos en Galicia.

"Vou a Arcade e ía coller o tren das 12:31 pero resulta que pola folga, pois nada", conta unha muller xusto despois de saber que a súa viaxe con saída en Vigo foi unha das afectadas.

Renfe establecera servizos mínimos do 65 % para a media sistancia e do 73 % para a alta velocidade. En previsión da folga xa anulara varias viaxes, pero ao final tamén caeron algunhas das que estaban incluídas nos mínimos. Nese caso, a compañía ofrecía transporte alternativo en autobús.

"Eu vou á Coruña. Ás 12:30 sae o autobús. Chegoume un correo", relata unha moza que agarda para saír dende a estación de Vigo-Guixar.

"Eu teño billete de regreso de Santiago e dixéronme que supostamente non hai problemas con ese", engade outra pasaxeira.

"Chegoume unha mensaxe de que se cancelaban os trens e que me ían dar unha alternativa por estrada", apunta Rodrigo, un mozo de Zas que se despraza dende Vigo.

A folga do Semaf coincidiu cos minutos de silencio convocados por todos os sindicatos polo accidente de Toledo. Tamén coincidiron nunha reclamación: máis seguridade para evitar accidentes no ferrocarril.

"No primeiro botáronlle a culpa ao maquinista; no segundo seguramente ao que solda o carril; e no terceiro vanlle botar a culpa tamén ao operador que estaba no Adif, e os técnicos e os directivos que están nos seus despachos e que teñen responsabilidade na seguridade nunca son culpable de nada", denuncia o portavoz do sector ferroviario da CGT en Galicia., Juan Francisco Sánchez.

Renfe, pola folga, ofrece cambios e anulacións gratuítas. Os pasaxeiros que foron derivados ao autobús tamén teñen dereito ao reembolso dunha parte dos billetes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade