O Porto de Vigo e Pymar impulsarán un centro de reparación naval na ría de Vigo
Buscan a especialización na reparación e transformación de buques de gran porte
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo aprobou este venres comezar a tramitación dun protocolo de intencións coa Sociedade de Reconversión e Reindustrialización Naval (PYMAR) para colaborar no impulso dun gran centro de reparación naval na ría de Vigo.
Esta iniciativa, segundo explicou o Porto nun comunicado, intégrase na súa planificación estratéxica para avaliar alternativas orientadas á implantación dun centro especializado na reparación e transformación de buques de gran porte.
Mediante esta alianza, Pymar achegará a súa experiencia no sector para realizar unha análise do mercado naval no corredor atlántico, avaliar os requisitos de infraestruturas necesarios para optimizar as instalacións e explorar posibles vías de apoio a través de programas de financiamento nacionais e europeos.
Esta iniciativa, sinala o Porto, "quere reforzar a alianza da Autoridade Portuaria con Aclunaga, Asime e o Centro de Reparacións Navais de Vigo para que este gran centro de reparación naval na ría de Vigo sexa unha realidade, xa que supón unha oportunidade estratéxica para o Porto de Vigo como o gran centro de reparación naval do Atlántico peninsular".
Por outra banda, o Consello tamén analizou os tráficos do mes de setembro, que confirman a tendencia positiva da actividade portuaria, cun crecemento de contedores de case un 30 por cento interanual.
Entre os segmentos máis dinámicos destaca o tráfico de froita, que avanza con forza cara a un fito histórico: o porto está a piques de igualar o volume de todo o ano anterior cando aínda faltan dous meses para pechar o exercicio, cunha previsión de superar as 300.000 toneladas.
Pola súa banda, os cruceiros continúan a súa tendencia ascendente cun incremento do 0,3 % e un total de 222.935 pasaxeiros acumulados ata a data, coa previsión de pechar o ano con máximos históricos.
Ademais, concedéronse novas prórrogas concesionais á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (15 anos) e ao CSIC (10 anos).