Fito no naval galego: Armón remata o primeiro cargo-transbordador do mundo cunha vela de succión
Foi un encargo específico dunha armadora da Polinesia Francesa para conectar varias illas remotas
O estaleiro vigués acaba de botar tamén o primeiro barco feito en Galicia para traballar na eólica mariña
A compañía asegura que ten carga de traballo asegurada en Vigo ata finais do ano 2028
A encarga chegou a Vigo, verdadeiramente, dende o outro extremo do planeta. O estaleiro Armón entregará en menos dun mes o cargo-transbordador, un buque coñecido na xerga naval como "multipropósito", que construíu para unha armadora da Polinesia Francesa.
Sobre as cubertas destaca un poste de 22 metros de altura. É unha vela, unha vela de succión. E é a primeira vez no mundo que se instala esta tecnoloxía nun barco deste tipo, porque ata agora o habitual era facelo en cargueiros convencionais, máis baixos, de menos puntal.
A vela de succión aproveita a forza do vento pero en moito menos espazo ca unha vela de tea. Non substitúe os motores pero reduce o seu consumo. A do 'Na hiro e pae', que así se chama a embarcación, foi deseñada especificamente para os ventos que vai ter na Polinesia, onde conectará un grupo de pequenas illas ao sur de Tahití.
"Calcúlase que en cada unha desas viaxes, que durará dez días, se poden aforrar unhas catro toneladas de combustible. Co perfil de operación que ten este barco estímanse máis ou menos unhas cento corenta toneladas ao ano", explica Rubén Sobrino Alonso, o xefe do proxecto do barco en Armón Vigo.
A Armón só lle quedan os últimos detalles antes de entregar o barco. Entre eles colocarlle o enorme guindastre que operará na súa cuberta.
Algo máis de traballo falta noutro buque singular que hai agora mesmo no estaleiro de Vigo, nas mesmas instalacións do que foi o histórico Hijos de Barreras. É o 'Staffordshire', que é especial non só pola cor verde do seu casco. Foi o primeiro contrato dun estaleiro galego para o sector da eólica mariña, servirá de apoio nos parques de aeroxeradores, pero ademais é o primeiro buque do mundo capaz de funcionar só con enerxía eléctrica en mar aberto.
Para iso leva unhas enormes baterías.
"Todas estas referencias permítennos ser candidatos para posibles novas contratacións. Nese sentido creo que veñen anos complicados, porque temos que demostrar capacidade, pero a nivel de contratación probablemente sexan anos bos", asegura o director de Astilleros Armón en Vigo, Santiago Martín.
A dirección di que agora mesmo Armón ten asegurada a carga de traballo en Vigo ata finais de 2028. Debe entregar varios barcos que está construíndo, como un oceanográfico para Suecia, un pesqueiro para Irlanda do Norte e dous barcos para Salvamento Marítimo en España. Ao tempo, o estaleiro ten abertas negociacións para posibles contratos para transbordadores e para a eólica mariña.