Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un estaleiro de Vigo completa a construción da primeira plataforma de enerxía solar mariña de España

Un estaleiro de Vigo completa a construción da primeira plataforma de enerxía solar mariña de España

Astilleros San Enrique monta dous aparellos que se probarán en Valencia

É unha estrutura semellante a unha gran batea de 64 x 41 metros

G24.gal 26/06/2026 13:47

Semella unha gran batea, máis alta e máis extensa. Pero en vez de cordas baixo o mar ten paneis solares na superficie. Paiporta, bautizada así en homenaxe ás vítimas da dina de 2024, é a primeira plataforma fotovoltaica construída en España para usarse en mar aberto, o que na xerga naval agora se denomina offshore. Fixérona no estaleiro San Enrique de Vigo, onde tamén están montando a súa xemelga, Catarroja. Levan eses nomes porque as van probar no porto de Valencia, nun proxecto para ensaiar se estes aparellos son quen de subministrarlle enerxía limpa á autoridade portuaria.

Cada unha mide 64 por 41 metros e ten capacidade para xerar 0,5 megawatts de electricidade. A idea, a medio prazo, sería unir varias plataformas para producir, por exemplo, a enerxía que hoxe proporciona un moderno aeroxerador. A fotovolcaica mariña é un mercado incipiente e cada empresa intenta que o seu deseño sexa o que acaben elixindo as grandes compañías. Por iso, non poden revelar moitos máis detalles.

"Si, é unha carreira para ver quen o fai mellor. Esta é unha tecnoloxía que está en desenvolvemento, non deixa de ser un prototipo", revela Clara García, xefa de proxecto de Bluenewables, a firma que impulsa esta iniciativa.

O reto é facer unha estrutura que aguante os embates do mar, neste caso o Mediterráneo, as ondas e a corrosión da auga salgada. E que sexa o máis barata posible, para que sexa viable a nivel industrial.

"Buscando que a estrutura e que toda a instalación sexa forte pero que sexa eficaz para poder facelo en serie no futuro", explica o director de Astilleros San Enrique, José Luis Torres.

Porque se a idea funciona en Valencia, este tipo de tecnoloxía podería usarse noutros mares. Tamén aquí, en Galicia, en especial nas rías, onde as ondas son menores e as estruturas, por tanto, poderían ser algo máis pequenas.

"Podería facerse unha plataforma máis baixa, que teña menos impacto visual e que ademais se vai parecer cada vez máis a unha batea", asegura Clara García.

A construción das plataformas supón traballo para San Enrique nun momento chave para a empresa. O estaleiro ocupa parte dos terreos que deixou a histórica Factorías Vulcano tras a súa desaparición. Pero a nova empresa non cumpriu, de momento, cos termos da concesión que lle outorgara a Autoridade Portuaria de Vigo e a administración, decretou a caducidade do permiso. San Enrique negocia agora a posibilidade de continuar nas instalacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade