Naturgy probará en Valencia a eficacia das novas plataformas fotovoltaicas construídas en Vigo
O estaleiro San Enrique montou as primeiras estruturas flotantes deste tipo realizadas en España
A eléctrica vai examinar se é un sistema que poida ser competitivo para xerar enerxía renovable
Última tecnoloxía feita en Galicia. O estaleiro San Enrique de Vigo entregou este venres a segunda das dúas plataformas fotovoltaicas que construíu para o grupo Naturgy en colaboración coa compañía BlueNewables.
As dúas plataformas, semellantes a dúas enormes bateas pero máis altas, vanse probar en Valencia para comprobar se son un sistema rendible para producir enerxía limpa. Son as dúas primeiras estruturas deste tipo construídas en España e, segundo Naturgy, as maiores do mundo.
"O reto principal foi que é unha estrutura moi diferente ás estruturas tradicionais dun buque. É moi lixeira pero de grandes dimensións", explica o director de proxectos de San Enrique, José Luis Ares.
As plataformas miden uns sesenta por corenta metros e teñen a superficie completamente cuberta con paneis fotovoltaicos. Bautizáronas Paiporta e Catarroja en memoria das vítimas da dina de 2024 porque agora se van probar para darlle enerxía á Autoridade Portuaria de Valencia. Xuntas poden producir un megawatt de electricidade. Con boas condicións de mar e de ceo, como as habituais no Mediterráneo, poderían xerar a enerxía equivalente á que consomen cincocentas vivendas.
"Un dos retos principais do proxecto é ver como industrializar esta tecnoloxía para que teña custos competitivos e poidan ser instalables a grande escala", avanza Silvia Sanjoaquín, directora de Transformación, Tecnoloxía e Medio Ambiente de Xeración Renovable de Naturgy.
E San Enrique confía no mercado das renovables para ir gañando carga de traballo. A Autoridade Portuaria de Vigo suspendeulle a concesión dos terreos que ocupa en Teis, os da histórica Factorías Vulcano, e o estaleiro está negociando coa administración para poder seguir nesas instalacións.
"Vén a eólica, a fotovoltaica, a enerxía das ondas... É unha liña de negocio na que queremos estar e que é parte do futuro, non só a construción naval ao uso", asegura o director do estaleiro, Jose Luis Torres.
Mentres busca novos contratos San Enrique, de feito, ten agora entre mans outros proxectos de enerxías renovables. En Vigo está construíndo pezas para a base dun parque eólico que instalará o grupo Dragados. Son estruturas de aceiro de entre 80 e 130 toneladas cada unha.