O metal da provincia da Coruña recrúa as protestas na segunda xornada de folga
Os sindicatos cifran o seguimento do paro no 90 por cento das empresas do sector, chegando ao 100 % no naval
Reclámanlle á patronal que desbloquee as negociacións do novo convenio
A patronal apela á negociación e cifra o seguimento da folga no 30%
Os traballadores do metal intensifican as súas protestas. No polígono do Tambre, en Santiago, houbo piquetes a entrada das empresas e cortes no tráfico.
"Éxito total, houbo un seguimento do 90 por cento", di José Huarto de CCOO Industria Ferrol.
Sen actividade tamén nun dos puntos claves desta folga, Navantia en Ferrol.
"Parálise da produción, no plantel principal e nas auxiliares", di Sergio Martínez, de CIG Industria Ferrol.
Uns 18.000 traballadores estaba chamados a este paro.
"O noso obxectivo non é estar na rúa pero a patronal non nos deixa outro camiño", di Álvaro Lois de UXT Industria Santiago.
Os traballadores queren melloras salariais, na seguridade e reducir a xornada laboral.
"Un convenio cunhas melloras reais e substanciais", engaden desde a CIG Industria Ferrol
Acusan a patronal de bloquear a negociación do novo convenio. Maña volverán parar e preparan novos paros para xuño.
A parte empresarial fai un chamamento á negociación e di que o seguimento foi do 30%
Nun comunicado, e tras dúas xornadas de folga, a patronal asegura que "a única vía de resolución é a negociación", de cara á reunión do 28 de maio.
"A parte empresarial afronta esta nova reunión con vontade construtiva e co desexo de que poida servir para achegar posturas e avanzar na negociación", afirma nun comunicado, no que engade que espera que os sindicatos presenten unha proposta actualizada que permita chegar a un acordo.
"Somos plenamente conscientes da importancia de continuar mellorando as condicións laborais das persoas traballadoras co obxectivo de que este siga sendo un convenio colectivo de referencia para o sector", sinala.
Non obstante, a patronal considera necesario "que calquera avance sexa compatible coa realidade económica das empresas coruñesas e coa sustentabilidade do tecido empresarial, especialmente nun contexto de gran incerteza e aumento de custos".