Castro de Rei exalta a galiña de Mos na XV Expodegustación da raza autóctona
Recuperouse hai case cen anos neste concello pero aínda está en perigo de extinción
O concurso de raza autóctona abre unha das festas gastronómicas máis consolidadas da provincia de Lugo.
"É a primeira vez, estabamos buscando algo que facer esta fin de semana e aquí estamos".
"Temos algúns exemplares na casa e viñemos ver que había por aquí".
"Como ten moita fama e somos de aquí do lado e nunca viñeramos, dixemos pois imos ir hoxe", contan tres persoas que acoden por primeira vez.
O público pode contemplar os 70 exemplares que participan no concurso e os criadores presumen das súas aves.
"A galiña de Mos non é unha ave que se cría en 40 días, levamos oito meses criando nelas e é unha carne feita, cun músculo feito e con moito sabor", explica unha das criadoras.
Esta nova edición da Expodegustación Galiña de Mos, gaba unha das razas autóctonas galegas que empezou a seleccionarse vai para cen anos nesta parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei. Aínda está en perigo de extinción.
"Son uns galos que matamos con oito, nove meses e teñen unha carne máis magra, non teñen graxa externa, teñen unha cor moito máis negra. É totalmente distinto, a xente que proba di que se acorda de cando eran novos, dos galos que se comían na súa casa os días de festa", conta Francisco Monasterio, presidente de Avimós.
Ademais do concurso, hai degustación de elaboracións feitas con estas pitas de carne escura, consistente e pouco graxa. Pola tarde será o momento dos xogos populares, incluída unha competición da liga galega de billarda.