A remuda no agro repunta cunha xeración cada vez máis formada
Nos últimos cinco anos aumentou o número de estudantes no ámbito da agricultura, a gandería e o sector forestal
Antía non se cansa do seu traballo na granxa. Coa súa nai, está á fronte dunha explotación de 130 vacas de leite en Mondoñedo. Vai facer 22 anos e aínda que lle vén de familia, estudou un ciclo superior de Gandería e está co terceiro curso de Enxeñería Agraria.
A formación resulta fundamental hoxe en día para atender unha granxa. Antía representa unha xeración de xente nova que se sente preparada e atraída pola vida e o traballo no campo.
Nos últimos cinco anos máis de 2.700 estudantes formáronse en ámbitos relacionados coa agricultura, a gandería e o sector forestal. Hai remuda no campo, aínda que non é suficiente: por cada ducia de granxas que pechan, só unha persoa nova se incorpora ao sector.