A Rural revive no recinto feiral de Lugo a tradición gandeira do San Froilán
A exposición recolle exemplares de razas autóctonas galegas
Volve o espírito máis tradicional do San Froilán coa chegada de Expolugo, unha exhibicion de gando protagonizada por animais de raza autóctona galega.
"Galicia é un territorio moi rico e xeográficamente moi dispar e iso dá que o gando en cada zona teña as súa diferenciación. As razas autóctonas son parte indispensable do noso patrimonio e hai que mantelas. E despois os produtos resultantes das razas autóctonas: as carnes ou os ovos, son extraordinarios", di Sandra López, criadora da galiña de Mos.
Aquí é posible ver vacas rubias, caldeás ou limiás, por exemplo, pero tamén hai gando cabalar, ovellas e cabras galegas; hai porcos celtas, cabalos e, tamén, galiñas e pitiños de Mos.
A xente visita a exhibición de gando cao intención de coñecer de preto as diferentes razas e identificar así as características morfolóxicas que as diferencian.
"É moi importante que as familias que non teñen unha aldea nin conviven con animais poidan ver as distintas razas de cerca"
A feira continúa o domingo, ata as dúas e media da tarde, na carpa situada xunto ao Cárcere Vello.