Publicador de contidos

Publicador de contidos

Navalia inaugura en Vigo a súa décima edición con máis de 600 expositores e 1.200 marcas

Navalia inaugura en Vigo a súa décima edición con máis de 600 expositores e 1.200 marcas

Milleiros de profesionais acudiron ao IFEVI na primeira xornada da feira que se celebra ata este xoves, 21 de maio 

No acto inaugural, o presidente de Navalia, José García Costas, avogou pola estabilidade no sector 

A construción naval dá emprego en Galicia a 14.000 persoas e a comunidade capta un de cada tres encargos de construción de novos barcos en España 

EFE / Salvador Sas EFE / Salvador Sas
G24.gal 19/05/2026 14:32

Milleiros de profesionais acudiron ao IFEVI este martes nesta primeira xornada de Navalia, na que tamén se deron cita representantes de todas as administracións.

Ás 12.00 deste mediodía houbo un paseo inaugural polas diversas casetas do certame ao que asistiron a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e o presidente de Navalia, José García Costas, entre moitos outros.

Ás 13.00 horas arrincou a feira no pavillón 4 do Ifevi. O primeiro en tomar a palabra foi o presidente de Navalia, José García Costas, quen puxo en valor todo o traballo realizado nos últimos 20 anos para alcanzar esta décima edición.

Na súa intervención, destacou os máis de 600 expositores e 1.200 marcas que se deron cita esta semana no Ifevi, subliñando que o evento soubo crecer de forma "coherente" coa "realidade do sector" e non "a calquera prezo".

García Costas destacou o crecemento internacional que tivo Navalia, cun aumento das empresas chegadas da China e doutros países que se incorporaron por primeira vez. Agradeceu ademáis a todas as compañías e institucións que fan posible a feira, que se converteu nun "escaparate" para mostrar a "capacidade industrial, tecnolóxica e exportadora" da industria e, na actualidade, é a feira naval máis importante de España e unha das máis relevantes de Europa, dixo.

A industria necesita "estabilidade" di o presidente de Navalia 

José García Costas tamén aproveitou o seu discurso para referirse ao preacordo de convenio colectivo alcanzado entre as patronais do sector do metal de Pontevedra e Comisións Obreiras e UXT.

Subliñou tamén que a industria necesita "estabilidade" e recoñeceu a súa "preocupación" nos últimos días polo desenvolvemento da feira, xa que había folgas convocadas no metal este martes, mércores e xoves.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor o peso do naval para o tecido produtivo de vigués e galego, que está nun "momento histórico" e xera máis de 14.000 postos de traballo directos na Comunidade.

Un de cada tres encargos de construción de novos barcos en España son para estaleiros de Galicia 

Villaverde reivindicou a importancia de Navalia para proxectar de forma internacional á industria, lembrando que un terzo dos encargos de construción de novos barcos en España son captados por estaleiros de Galicia.

Tras a conselleira colleu a palabra Antonio Piñeiro Sánchez, Xefe de Estado Maior da Armada de España, insistindo en que as Forzas Armadas necesitan unha industria nacional capaz de deseñar, construír, manter e modernizar as súas capacidades.

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, mostrou ao Executivo central como "aliado" do sector naval para que poida desenvolver os seus proxectos. Destacou ademáis que Navalia é unm "símbolo" da capacidade do sector e agradeceu o traballo de todo o equipo da feira para que poida desenvolverse.

O encargado de pechar o acto de inauguración foi o alcalde, Abel Caballero, quen felicitou a García Costas por ser a "alma" da feira. El tamén subliñou a importancia do sector naval para a cidade. "O transporte marítimo foi e será sempre o núcleo de unión deste planeta", apostilou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade