Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tráfico reduce o límite noutro treito da A-55 e acouta a 80 km/h todo o tramo Vigo-O Porriño

Tráfico reduce o límite noutro treito da A-55 e acouta a 80 km/h todo o tramo Vigo-O Porriño

Os novos sinais únense ás indicacións colocadas os últimos días para reducir a velocidade

A DXT explica que quere unificar os avisos e evitar o perigoso efecto aceleración-freada

G24.gal 17/09/2026 14:49

Un novo sinal brotou na autovía A-55. A indicación limita a 80 quilómetros por hora a velocidade máxima nun treito onde ata agora estaba limitada a cen. Únese aos sinais que foron agromando na estrada estes últimos días para modificar -reducir- os límites en varios puntos entre Vigo e O Porriño. Son outros lugares, por exemplo, onde a velocidade máxima pasou de 80 a 60 km/h. 

"Iso é unha complicación, totalmente, porque a xente que pasa a diario se atopa todos os días cunha novedade", quéixase un condutor ante o volante do seu coche en Mos.

"A información é pouca. Vaste decatando a medida que vas recibindo a multa", engade con retranca outro home que traballa á beira da autovía.

Os cambios supuxeron que tamén desapareceron algúns sinais. En Mos, onde había un poste cunha recomendación de circular a 70 agora só queda o soporte. A razón é que nesa baixada reduciron o límite, de 80 a 60.

"Este anaco de autovía é todos os días problemas, problemas, e moito tráfico, moitísimo tráfico", asegura un transportista antes de subir ao seu camión en Tameiga.

Os sinais limitan a velocidade nunha autovía xa moi limitada. A diferenza da maioría das vías deste tipo en España, na A-55 xa non se podía pasar de cen en todo o traxecto entre O Porriño e Vigo, uns dez quilómetros. Agora, a velocidade máxima queda reducida a 80, con varios puntos acoutados a só 60.

"Ata hai que frear para chegar ao traballo", resume un condutor a carón do perigoso quilómetro 12.

A Dirección Xeral de Tráfico explica que a actuación na A-55 "busca unificar as limitacións, facer máis progresivos os cambios entre tramos e evitar o efecto aceleración-freada" para reducir o número de accidentes. Por esta autovía circulan cada día máis de sesenta mil vehículos, entre eles moitos camións pesados.

O treito Vigo-O Porriño ten curvas, algunha moi pechada, e pendentes fortes. Por iso son frecuentes os accidentes, sobre todo por alcance cando un automóbil se topa cun vehículo que vai máis lento. Tráfico foi baixando os límites e instalou radares para tratar de mellorar a seguridade. A solución definitiva podería ser un túnel entre Vigo e Mos pero que está aínda en fase de proxecto e que xera apoios e protestas nos dous concellos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade