Publicador de contidos

Publicador de contidos

España cumpre 50 anos de rotondas sen que os condutores saiban ben como tomalas

España cumpre 50 anos de rotondas sen que os condutores saiban ben como tomalas

A primeira glorieta do estado construiuse en 1976 na illa de Mallorca

A norma xeral é que se debe circular polo exterior pero hai excepcións

Carlos Formigo, profesor da Autoescola Faro de Vigo, corrixe unha condutora durante unha práctica
G24.gal 09/09/2026 15:10

Foi hai cincuenta anos. En 1976, en Palmanova, na illa de Mallorca, inaugurábase a primeira rotonda de España. A fórmula, importada de Francia, pretendía darlle fluidez a un tráfico que ía en aumento en todo o estado.

O sistema tiunfou sobre todo a partir da década de 1990 cando xurdiron glorietas por todo o país. Pero hoxe, medio século despois, a propia DXT constata que moitos condutores seguen sen ter claras as normas para circular por estas interseccións. As estatísticas din, ano tras ano, que son un dos puntos negros da sinistralidade vial.

"Nas glorietas hai que entrar pola dereita... Vale, entraches pola esquerda... Sigue pola esquerda, sigue, sigue", indícalle Carlos Formigo, profesor da Autoescola Faro en Vigo, a unha alumna durante unha clase práctica en Coruxo.

Décadas de leccións non aprendidas

A Dirección Xeral de Tráfico leva décadas intentando que aprendamos o que se debe facer e o que non ao acceder a unha rotonda. As súas publicacións, agora tamén as redes sociais, están salpicadas de artigos e vídeos con consellos e explicacións sobe as normas que rexen unha glorieta. Pero non acabamos de collerlle o truco e son habituais as dúbidas. 

A norma xeral si que a coñece todo o mundo: nunha rotonda hai que circular polo carril exterior. Pero, en certos casos, as cousas cambian. En glorietas fóra de poboado só se debe ir por dentro para adiantar. E en zonas urbanas, pola contra, si está autorizado circular polos carrís interiores en función do que vaiamos facer. Podemos ir pola esquerda se imos coller, non a primeira, senón outra das saídas da glorieta, en especial se o carril da dereita está "saturado" cos vehículos que van marchar pola primeira saída.

"Hai que circular pola dereita pero, dependendo das circunstancias, podes utilizar o que máis conveña ao destino", resume con contundencia Matilde Graña, unha profesora de Formación Vial en Faro con décadas de experiencia na docencia.

O que nunca se debe facer é algo que se ve con frecuencia en calquera rotonda: facer un "recto", cruzala de lado a lado sen facer unha traxectoria en curva. Iso é lei. E para saír das glorietas, sempre, sempre, debemos colocarnos no carril exterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade