O madridista Raúl Asencio, condenado por conducir baixo os efectos do alcol
Nas dúas probas de alcoholemia que se lle realizaron o xogador do Real Madrid deu taxas positivas de 0,90 e 0,88 miligramos de alcol por litro de aire expirado, que triplican con fartura o límite legal (0,25 mg/l)
Esta sentenza coñécese a só 24 horas de que o defensa compareza ante a xuíza do Penal número 5 das Palmas de Gran Canaria no xuízo polo caso do vídeo sexual que presuntamente gravaron en 2023 no sur da illa tres excompañeiros seus da canteira do Real Madrid
EuropaPress
Un xuíz de Gran Canaria condenou o defensa do Real Madrid Raúl Asencio a pagar unha multa de 14.400 euros e a non poder conducir durante oito meses tras ser sorprendido ao volante baixo os efectos do alcol, segundo publica este mércores o xornal Atlántico Hoy.
Fontes próximas ao xogador confirmaron que Asencio recoñeceu os feitos nun xuízo rápido celebrado o pasado 19 de agosto na Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de San Bartolomé de Tirajana; aceptou a condena que solicitaba para el a Fiscalía e expresou o seu arrepentimento.
Esta sentenza coñécese a só 24 horas de que o defensa compareza ante a xuíza do Penal número 5 das Palmas de Gran Canaria no xuízo polo caso do vídeo sexual que presuntamente gravaron en 2023 no sur da illa tres excompañeros seus da canteira do Real Madrid: Ferrán Ruiz, Juan Rodríguez e Andrés García.
O defensa madridista espera quedar libre nesa mesma vista en canto as dúas mozas ofendidas confirmen formalmente que lle perdoan por mostrar esas imaxes a outra persoa cando as recibiu no seu móbil, tras desculparse en privado con elas e indemnizalas.
Segundo informaron fontes da investigación, Asencio foi interceptado o 16 de agosto ás 6.30 horas nun control da Garda Civil de Tráfico no sur de Gran Canaria, no quilómetro 37,5 da autovía GC-1, cando conducía un Porsche Macan GTS.
Nas dúas probas de alcoholemia que se lle realizaron, o xogador do Real Madrid deu taxas positivas de 0,90 e 0,88 miligramos de alcol por litro de aire expirado, que triplican con fartura o límite legal (0,25 mg/l).
As fontes lembran que conducir cunha taxa de 0,25 a 0,50 mg/l de alcol castígase con multa de 500 euros e retirada de catro puntos do carné, e con taxas de entre 0,50 e 0,60 mg/l con multa de 1.000 euros e seis puntos, en ambos os casos como infracción administrativa.
Con todo, a partir de 0,60 mg/l, esa conduta constitúe un delito contra a seguridade viaria e é obxecto de xuízo rápido.
Ese día, Asencio ía acompañado por outra persoa que se fixo cargo do coche tras comprobarse que estaba en condicións de conducir.