Os semáforos galegos continúan en ámbar
Hai xa 15 días que está prohibido que coincidan os semáforos en ámbar para os coches e en verde para os peóns
O decreto para protexer os usuarios vulnerables entrou en vigor o pasado día 1, pero polo momento os cambios en moitos concellos van lentos
Trátase de evitar atropelos, por exemplo en casos de menor visibilidade ou ben porque o condutor entenda que aínda pode pasar sen fixarse nos peóns que agardan
Basta dar unha volta polas cidades para comprobar que en moitos casos aínda se manteñen estes cruzamentos onde os coches teñen o semáforo en ámbar e os peóns en verde. En Vigo, atopamos ata tres en menos de 200 metros. A nova normativa prohibe que se manteña ese ámbar e apunta a que o disco debe estar vermello para os coches cando crucen os viandantes.
Algúns están despois de curvas ou con menor visibilidade. Por seguridade, a DXT decidiu que non coincidan o ámbar dos coches co verde dos peóns. Dende a DXT insisten en que só en casos xustificados por informes se pode manter ese semáforo en ámbar.
En Vigo, por exemplo, están en estudo 73 semáforos, todos sen atropelos nin accidentes graves nos últimos 5 anos. Con todo, moitos municipios van con demora e aínda non fixeron os cambios; a normativa entrou en vigor o pasado 1 de outubro.