A debate a ordenación do tráfico das Rodas, en Santiago
Tras un mes de probas, o Concello decidirá se recupera o dobre sentido de circulación ou mantén o único
O atropelo dun menor á saída do colexio reabre o debate sobre a seguridade do novo modelo circulatorio
Despois dun mes pechada ao tráfico rodado pola construción dun paso peonil elevado para mellorar a seguridade viaria, a rúa santiaguesa das Rodas reabriu en setembro con novidades na circulación e un período de probas que remata agora, a mediados de outubro.
"Prefiro como estaba antes".
"Vexo mellor que estea en dobre sentido", comentan uns veciños.
Toca decidir se se recupera o dobre sentido que tivo sempre ou se implanta definitivamente o sentido único descendente. De ser así os accesos á zona norte da cidade faríanse pola rúa Valle Inclán, unha paralela con moita trasfega de alumnos dun colexio.
"Nós o que queremos é que se reverta a como estaba antes por mor do incremento da perigosidade na rúa coa cantidade de vehículos que circulan e o tema de contaminación tanto acústica como ambiental nunha zona escolar e polos atascos que se forman en horarios de entrada e saída dos colexios que son moito maiores que antes", explica Víctor Fuentes, presidente da Asociación de Familias de Alumnos do colexio La Salle.
Os residentes pola contra prefiren o sentido único.
"Estamos encantados con que sexa soamente de única dirección porque o nivel de ruído baixou moitísimo".
"Ao principio de todo non as tiña todas comigo, pero teño que dicir que para min é moito máis operativo agora", apuntan unhas veciñas.
O atropelo esta semana dun menor cando saía do colexio reabriu o debate sobre a seguridade do novo modelo.
"Creo que o coche non era de aquí e que andaba algo despistado, ou sexa, non me parece que sexa unha escusa para dicir que é menos seguro".
A pelota está agora no tellado do Concello.