Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pensionistas no estranxeiro terán que acreditar que seguen vivos tres veces ao ano

Pensionistas no estranxeiro terán que acreditar que seguen vivos tres veces ao ano

Os beneficiarios veranse obrigados a enviar unha fe de vida á Seguridade Social en xaneiro, maio e setembro

G24.gal 15/10/2026 14:22

A partir do 2027, as persoas que cobren unha pensión de España no estranxeiro terán que xustificar que seguen vivos tres veces ao ano, unha máis do que agora. Deberán mandar unha fe de vida en xaneiro, outra en maio e unha última en setembro.

Para Margarita Bárcena, presidenta da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña, "tres son moitas". Ela mesma foi funcionaria da Seguridade Social e cre que "con dúas xa terían bastante". "Se non, que se poñan en contacto os organismos, que deixen a xente tranquila", engade.

Son de máis, cren os beneficiarios. Sobre todo se se compara co que piden outros países. José Manuel Souto, asesor laboral en Oroso, asegura que cada vez manda menos fes de vida dos galegos que emigraron e que agora cobran pensión do estranxeiro.

"Mandábaselle unha vez ao ano, sobre todo a Alemaña, Inglaterra e Suíza, pero agora é raro que as pidan", insiste Souto.

Os afectados poden acreditar que seguen vivos a través dos consulados, de organismos oficiais do país onde residen e tamén a través desta aplicación: Vivess, da Seguridade Social.

É máis cómoda, obtense a fe de vida cun recoñecemento facial, pero, a presidenta da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña recorda que non todo o mundo se manexa igual coa tecnoloxía. "Se tes algún neto ou fillo que entende de informática moi ben, pero se non, a quen recorres?", pregúntase Margarita Bárcena.

España envía ao estranxeiro máis de 123.000 pensións, por valor de 54 millóns de euros. Os países onde hai máis perceptores son Francia, Alemaña e Portugal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade