Os autónomos galegos din "basta" ás pensións máis baixas de España
Os autónomos de Galicia esixen abrir a negociación do novo sistema de cotización de cara a 2027
As asociacións de autónomos advirten de que mentres os traballadores do réxime xeral perciben 1.500 euros de media, no caso dos autónomos son pouco máis de 900
Os autónomos galegos alzan a voz. Denuncian que cobran unhas das pensións de xubilación máis baixas de España. E a catro meses de que remate o ano, piden negociar un novo sistema de cotización para o 2027.
As asociacións de autónomos advirten que mentres os traballadores do réxime xeral perciben 1.500 euros de media, no caso dos autónomos son pouco máis de 900.
Segundo os datos achegados pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), a radiografía por provincias debuxa un panorama especialmente crítico no interior da comunidade. En Lugo e Ourense, as pensións medias dos autónomos sitúanse en 885 e 880 euros ao mes, respectivamente, mentres que os traballadores por conta allea desas mesmas zonas superan os 1.400 € de prestación media.
Nas provincias atlánticas a situación non é máis favorable. Malia que en A Coruña e Pontevedra a pensión media dos autónomos se eleva lixeiramente ata os 946 €, a fenda cos asalariados dispárase ata os 650 euros mensuais. Dende a organización advirten que a tese de "pagar menos cota mentres se traballa" acaba pasando unha factura impagable no momento do retiro.
Ante esta situación, o colectivo urxe ao Ministerio de Inclusión e Seguridade Social a reactivar a mesa de negociación de inmediato para evitar a improvisación. Propoñen subir as cotizacións polo menos 3 puntos porcentuais por riba do IPC. Segundo os seus cálculos, se a inflación se estimase nun 4,3 %, un autónomo que hoxe paga unha cota de 240 € asumiría unha suba de algo máis de 17 euros ao mes. Dende o sector insístese en que este incremento "non debe verse como un imposto, senón como un investimento necesario" para garantir un retiro digno, defende Eduardo Abad, o presidente de UPTA.
Unha estratexia que non comparten desde ATA, a asociación de traballadores autónomos. Eles son partidarios de flexibilizar "poder traballar na xubilación e facer que o retiro sexa atractivo para os autónomos, onde teñamos un rendemento económico e unha flexibilidade para poder compatibilizar coa nosa vida persoal", sostén Rafael Granados, o presidente de ATA, Galicia.