OPINIÓN
O esquecido custo de oportunidade, por María Bastida
Unha vez máis, as pensións entraron en campaña. E, ameazas á marxe, o certo é que volve aparecer o eterno debate sobre a súa sostibilidade. A verdade é que, se lle damos tantas voltas, quizais sexa porque estamos enfocando mal a cuestión. É dicir, se cadra non se trata de saber se podemos pagar as pensións, senón de que imos ter que facer para seguir pagándoas.
España ten un dos sistemas de pensións máis xenerosos da nosa contorna. E isto, obviamente, é bo, porque unha sociedade que protexe os seus maiores é unha sociedade que funciona. As pensións, ademais, sosteñen o consumo de milleiros de fogares e son fundamentais para a economía de moitas zonas rurais. Pero unha cousa é que unha política sexa desexable e outra que non teña custos. Fixémonos nun paradoxo. Cada ano felicitámonos porque as pensións manteñen o seu poder adquisitivo. E, ao mesmo tempo, preocupámonos porque a xente nova non pode acceder a unha vivenda, porque necesitamos investir máis en educación, porque faltan infraestruturas ou porque hai que reducir as listas de espera sanitarias.
E isto lévanos a pensar no custo de oportunidade. Cada euro que dedicamos a unha finalidade é un euro que, cos mesmos recursos dispoñibles, non podemos dedicar a outra. Iso non significa que debamos deixar de protexer as pensións, senón que deberiamos debater abertamente canto queremos gastar en cada cousa e como imos financialo. Porque as pensións páganse con cotizacións, impostos e recursos públicos. E se o gasto medra máis rápido que a nosa capacidade para financialo, teremos que recadar máis, reorganizar as nosas prioridades, endebedarnos ou modificar algunhas regras.
A min gustaríame que o debate sobre as pensións deixase de presentarse como unha elección entre garantilo todo ou anunciar unha catástrofe inevitable. A verdadeira sostibilidade consiste en poder seguir pagando as pensións sen renunciar a construír o país que necesitaremos dentro de vinte anos. Porque un bo Estado do benestar non é o que protexe unicamente o noso pasado, senón o que tamén é capaz de financiar o noso futuro.