Publicador de contidos

Publicador de contidos

As pensións subirán un 3,5 % en 2027

As pensións subirán un 3,5 % en 2027

A inflación de novembro, segundo o dato adiantado, situouse no 4,1 % e permite o calculo avanzado da revalorización das pensións

G24.gal 27/11/2026 09:04 Última actualización 27/11/2026 09:27

As pensións contributivas subirán previsiblemente un 3,5 % en 2027, unha vez adiantado o dato de inflación de novembro (4,1 %), que permite avanzar o cálculo da revalorización para o ano que vén.

O 3,5 % é a subida que se aplicará de forma xeral ás pensións contributivas, mentres que as mínimas e non contributivas, incluído o Ingreso Mínimo Vital (IMV), revalorizaranse entre o 8,8 % e o 14,2 %, en función da súa modalidade, segundo comunicou este venres o Ministerio de Inclusión. 

Segundo comunicou este venres o Ministerio de Inclusión, en concreto, a contía do Ingreso Mínimo Vital aumentará un 14,1 %.

"É un compromiso por lei", lembrou nunha entrevista na Cadena SER o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen destacou ademais o maior incremento para as mínimas e non contributivas.

A revalorización supoñerá que unha persoa cunha pensión media de xubilación (1.580,6 euros) reciba, aproximadamente, 774,5 euros adicionais ao ano, mentres que a pensión media do sistema (1.379,1 euros) aumentará en 676 euros anuais.

Este incremento beneficia aos preto de 9,6 millóns de persoas (4,82 millóns de homes e 4,76 millóns de mulleres) que reciben 10,6 millóns de pensións contributivas, ademais das 722.400 pensións correspondentes ao réxime de Clases Pasivas do Estado, que tamén se revalorizarán co mesmo índice.

De acordo coa reforma de 2021, a revalorización anual das pensións calcúlase coa media das taxas interanuais de inflación dos doce meses anteriores ata novembro, que nesta ocasión dá como resultado un 3,52 %.

A cifra confirmarase o 15 de decembro, cando se publique o dato definitivo do IPC.

Será entón cando o Goberno deberá aprobar un Decreto lei que garanta o incremento das pensións no mes de xaneiro do próximo ano, aínda que xa iniciou o procedemento para que se tramite o Real Decreto, que supón o seu desenvolvemento normativo.

Subidas das mínimas de entre o 8,8 % e o 14,2 %

A revalorización das pensións mínimas, de entre o 8,8 % e o 14,2 %, beneficiará a 2,1 millóns de persoas (as 68 % mulleres) e a das non contributivas, a 475.000 (as 63 % mulleres).

Pola súa banda, o incremento do 14,1 % do IMV afectará a 2,8 millóns de persoas, dos que 1,1 millóns son nenos, nenas e adolescentes.

A pensión media do sistema da Seguridade Social (que inclúe xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e en favor de familiares) aumentou un 4,7 % respecto ao ano pasado, ata os 1.379,1 euros, segundo os datos do Ministerio, que lembra ademais que en novembro os pensionistas cobran a paga extraordinaria.

A pensión media de xubilación, que perciben máis de dous terzos do total de pensionistas (6,5 millóns de persoas), sitúase en 1.580,6 euros mensuais, tras incrementarse un 4,6 % de media respecto ao ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade