Publicador de contidos

Publicador de contidos

Etiquetados e etiquetas, por María Bastida

OPINIÓN

Etiquetados e etiquetas, por María Bastida

María Bastida 27/11/2026 07:47

Onte, nun cumio extraordinario en Bruxelas, os líderes europeos elixiron por unanimidade a Pablo Hernández de Cos como próximo presidente do BCE. Foi gobernador do Banco de España e será o primeiro español á fronte do banco do euro nos seus case trinta anos de historia. E a nós en que nos afecta? Na hipoteca, por exemplo. O BCE decide o prezo do diñeiro, iso move o euríbor e do euríbor depende o que se paga cada mes pola maioría das hipotecas a tipo variable en España. A Hernández de Cos puxéronlle a etiqueta de pomba, dos que prefiren os tipos baixos. Quen o coñece di que é máis ben unha falsa pomba. Busca o acordo, pero sabe impoñerse cando fai falta. E ben que lle vai facer falta, porque chega coa inflación aínda alta, con dúbidas sobre a débeda de varios países e co temor a que a burbulla da intelixencia artificial acabe por estoupar en bolsa.

Así que xa ven, o que pon na etiqueta non sempre é o que hai. E iso hoxe vale tanto para os banqueiros centrais coma para as cafeteiras.

Se este venres merco por setenta euros unha cafeteira que custaba cen, canto aforrei? Pois… depende. Depende dunha pregunta ben sinxela. De verdade a ía mercar? Se a miña se estragou o luns e pensaba gastar cen euros nunha nova, estupendo. Sóbranme trinta para outra cousa. Pero se a miña funciona perfectamente, a conta cambia. Antes de ver a oferta tiña unha cafeteira e setenta euros. Agora teño dúas e a conta a cero.

E quen di cafeteira di camisa. E a saia, que coa camisa queda moi ben. E uns zapatos a xogo. E a maquillaxe, que tiña un corenta por cento de desconto. E unhas máscaras para o pelo, que levabas tres e pagabas dúas. O luns sumo todos os descontos e resulta que aforrei cento cincuenta euros. Miro a conta do banco e teño trescentos menos. E iso supoñendo que os prezos riscados fosen de verdade. A OCU leva desde setembro seguindo os prezos e este luns contou que, dos máis de doce mil que comprobou, só un seis por cento eran auténticas gangas. Aínda que, coa de carteis que levamos vendo toda a semana, unha diría que ata o café baixou de prezo.

Onte, cando falabamos de Acción de Grazas, diciamos que o pavo ten unha demanda pouco elástica. Custe o que custe, o xoves non falta na mesa. O Black Friday funciona xusto ao revés. Vive dos produtos con demanda moi elástica, eses que ao seu prezo habitual nunca mercariamos pero que, cun trinta por cento de desconto, de súpeto nos parecen imprescindibles. E aí está a trampa, pero tamén a pista. A miña cafeteira estragada era un pavo. Ía mercar outra si ou si, con desconto ou sen el. A segunda cafeteira é pura elasticidade. Só a merquei porque baixou de prezo.

Así que este venres, antes de pasar por caixa, fáganse unha soa pregunta. Levaríao polo seu prezo habitual? Se a resposta é si, parabéns, iso é un aforro de verdade. Se a resposta é non, se o único que lles convence é o desconto, non están a aforrar trinta euros. Están a gastar setenta. Porque o único desconto do cen por cento que hai este Black Friday é o do que deixamos sen mercar.

E xa que empezabamos falando do prezo do diñeiro, ese, a partir de febreiro, decidirao Hernández de Cos desde Fráncfort. En que o gastamos, por sorte, aínda o decidimos nós.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade