Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así non, por María Bastida

BASTIDA

Así non, por María Bastida

Opinión 06/11/2026 07:43

Hai cousas que en campaña electoral deberían ter un límite. E xogar coas expectativas das persoas maiores é unha delas.

Onte escoitamos que as pensións galegas son 2.600 euros anuais inferiores á media española e que hai que acabar con esa diferenza. O dato é real, pero o que non é serio é presentalo como unha inxustiza que se corrixe cunha decisión política. Porque un galego non cobra menos pensión por ser galego. As regras son exactamente as mesmas en toda España. O que hai detrás son décadas de salarios máis baixos e de cotizacións mínimas no campo, no mar e no traballo autónomo. Hai carreiras laborais curtas, e un peso enorme das pensións de viuvez nunha poboación moi envellecida. Iso non se cambia retroactivamente por moito que se prometa nun mitin. E moito menos co resultado dunha votación.

Podemos subir as pensións mínimas? Claro que si. Podemos redistribuír máis? Por suposto. Pero expliquemos canto custa, quen o paga e como se financia. Que ningunha pensión estea por debaixo do salario mínimo suporía, por exemplo, case duplicar as non contributivas, que hoxe son de 629 euros ao mes fronte aos 1.221 do SMI. E garantilo para todas as pensións que non chegan a esa cifra custaría arredor de 20.000 millóns de euros ao ano, que sairían dos impostos. Pódese defender, pero hai que dicilo. Tampouco se pode presentar como novidade a subida co IPC, porque xa está garantida por lei desde 2021. Blindala é outro debate. Vendela como unha conquista pendente, non.

O que me parece especialmente preocupante é que se confunda deliberadamente un problema real cunha solución aparentemente fácil. Porque quen escoita esas promesas pode pensar que lle están quitando algo que lle corresponde e que alguén llo vai devolver. As pensións non son unha débeda territorial pendente. Son, en boa medida, o resultado da nosa historia laboral e económica. E esa historia non se corrixe con receitas nin con solucións fáciles.

As persoas maiores merecen políticas que melloren a súa vida, non promesas que lles vendan como sinxelo o que é extraordinariamente complexo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade