Publicador de contidos

Publicador de contidos

A brecha entre xeracións aumenta: por primeira vez os menores de 35 gañan menos ca os xubilados

A brecha entre xeracións aumenta: por primeira vez os menores de 35 gañan menos ca os xubilados

Os datos alertan de que o sistema non é sostible se menos mozos con empregos precarios teñen que manter cada vez máis pensionistas

G24.gal 17/06/2026 14:55

Xuntos no banco do parque; separados nas contas bancarias. Xosé Carlos, xubilado da siderurxía, ten unha pensión de 2.300 euros. Conversa con Lucía, 24 anos, que gañaba 1.100 euros no seu último traballo como administrativa, malia contar cunha titulación universitaria. Son un exemplo da brecha entre xeracións que se está abrindo cada vez máis.

Segundo a última Enquisa Financiera das Familias que publica o Banco de España, por vez primeira a renda mediana dos fogares cun cabeza de familia de menos de 35 anos é inferior á renda dun fogar cun xubilado que percibe unha pensión. E os datos están pechados a final de 2024, agora a diferenza pode ser maior. É unha situación que, para empezar, complica que moitas xente nova poida facer plans de vida.

"Tes un sentimento de abandono, de enfado... Ostras! Queremos traballar. Queremos traballar dignamente para poder vivir dignamente", asegura Lucía Pino Boente, tratando de resumir o sentir da súa xeración.

"Vano ter moi complicado. Ou se unen, ou facemos algo ou vano pasar moi mal", vaticina Xosé Carlos, Triqui, agora pensionista e responsable do Colectivo de Persoas Xubiladas da CIG en Vigo.

Pero non é só, que tamén o é, por suposto, un problema persoal. Os datos indican que a propia economía nacional está en risco. Cada vez hai máis persoas xubiladas (e, en xeral, con boas pensións porque tiveron bos empregos e boas cotizacións) mentres que pola parte baixa da pirámide de poboación se reduce o número de cotizantes. Hai menos traballadores novos e moitos deles han de aceptar empregos precarios. Os números non dan. 

"Eu creo que é probablemente a maior ameaza que ten agora mesmo o que coñecemos como Estado do Benestar", advirte Gabriela Maldonado, profesora de Economía da Universidade Internacional da Empresa.

Todos están de acordo en que hai que busca solucións pero non sempre coinciden nas receitas. Algúns cren que sería necesario conter o aumento das pensións. Outros cren que o remedio ten que estar no outro extremo: mellorar as condicións do emprego das persoas novas. Se gañan máis, cotizarán e consumirán máis.

E sen acceso á vivenda, unha das chaves da ecuación, tampouco se pode recuperar a natalidade. Porque o problema xa está aquí pero pode ir a máis: nuns anos accederán á xubilación millóns de traballadores da xeración do baby boom. E España é cada vez máis vella: a esperanza de vida é máis alta ca nunca mentres que o número de nacementos está no mínimo histórico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade