A aplicación do Sergas xa recolle os custos da atención médica: 256 euros por ir ao PAC e 27 por enfermaría
A aplicación do Sergas xa recolle os custos da atención médica: 256 euros por ir ao PAC e 27 por enfermaría
Para acceder á información hai que ir desde É-Saúde a 'Valoración económica da miña atención sanitaria'
A aplicación Sergas Móbil xa permite acceder á información económica da asistencia sanitaria en Galicia. As cifras da atención móvense entre os 27 euros por unha consulta de enfermería e os 256 euros nun Punto de Atención Continuada (PAC).
Aínda que se irá completando gradualmente a información, as primeiras cifras xa están dispoñibles. O usuario, tras acceder ao seu perfil privado na aplicación, deberá apertar na icona do Portal do paciente E-Saúde, para a continuación, apertar no epígrafe 'Valoración económica da miña atención sanitaria'.
Neste espazo os galegos poden visualizar a súa información económico-sanitaria, que se presentará desagregada en catro grandes grupos, segundo o servizo a que pertenza a asistencia prestada.
En concreto, información detallada sobre o valor da súa actividade nos servizos de atención primaria galegos, como é o caso das consultas médicas (uns 69 euros) e de enfermería (arredor de 27 euros). Tamén está dispoñible a opción de consultar o importe dos actos sanitarios rexistrados en atención especializada -que andan polos 100 euros-, como consultas, probas diagnósticas, tratamentos e outros procedementos ambulatorios.
En terceiro lugar, a nova funcionalidade que se incorpora a Sergas móbil aborda o valor da asistencia recibida nos servizos de urxencias hospitalarias e nos puntos de atención continuada (PAC), cun custo ao redor dos 256 euros. Para rematar, tamén haberá unha epígrafe co detalle dos medicamentos e produtos dispensados nas oficinas de farmacia galegas, presentando os seus prezos de venda ao público, a achega realizada polo paciente ou o custo asumido polo Sergas.
O sistema puntualiza que as cifras ofrecidas son "estimacións xerais baseadas no concepto e cantidade correspondentes" a partir do decreto de 2014 que fixa as tarifas de servizos sanitarios no Sergas. Estas taxas non as aboan aqueles pacientes cubertos pola Seguridade Social, excepto as que se refiren a medicamentos.
Sobre isto, a web informa sobre a parte que cobre a administración e o copagamento que asume cada usuario.