Veciños de dous edificios de Ourense conviven coas velutinas desde hai máis dun mes
Levan desde principios de agosto chamando, sen éxito, para que o retiren
Advirten de que é un perigo por tratarse dunha zona moi transitada
A dezaseis metros de altura, o niño pasa inadvertido para os viandantes. Os que non o perden de vista son os veciños dos dous edificios afectados. Está na cornixa do número 99, no cuarto andar, pegadiño ao edificio lindeiro.
Rosa Varela, veciña do primeiro andar: "Eu son alérxica. No edificio hai nenos. Temos un colexio aquí ao lado. Isto non pode seguir así". "Moi mal, polo perigo da xente. Ademais, poden entrar polas ventás".
Detectárono o día catro de agosto e levan desde entón chamando para que llelo veñan quitar. Os bombeiros xa acudiron nunha ocasión, pero a situación segue sen resolverse.
"Chamamos o 012 e dixeron que viñan. Viñeron os bombeiros, botaron unha espuma e ata aí. O niño segue en activo. Ao día seguinte era peor. Estaban agresivas e botábanse contra as ventás. Non podemos abrir as ventás, nin nós, nin o edificio lindeiro", explica Rosa.
No baixo do edificio hai un negocio. O propietario tamén se queixa. Preocúpanlles os seus clientes: "Unha mañá chegamos e había espuma no chan. Pero elas furan e volven saír. Andan tan arriba que non molestan moito, pero se baixan catro ou cinco e pican unha persoa, pódenlle ocasionar un dano importante".
Rúa transitada
Explican que esta rúa, a avenida de Zamora, ten moito tránsito, especialmente desde o inicio do curso escolar, ao ser zona de paso para moitos alumnos do centro da Farixa.
Din que xa houbo polo menos dúas picaduras e piden que se tomen medidas canto antes.