ÚLTIMA HORA
O BCE sobe os tipos de xuro ata o 2,5 % pola presión inflacionista
O regulador europeo eleva o prezo do diñeiro por segunda vez neste ano debido á escalada dos prezos causada pola guerra en Oriente Medio
O Banco Central Europeo anunciou este xoves a suba dos tripos de xuro en 25 puntos básicos, ata o 2,5 %, a causa da inflación.
Desta forma o regulador europeo volve subir por segunda vez neste ano o prezo do diñeiro para así tratar de atallar a suba dos prezos que se vén producindo desde que os Estados Unidos e Israel lanzaron a súa ofensiva sobre Irán.
"O conflito en Oriente Próximo continúa xerando presións inflacionistas e prevese que a inflación se manterá moi por encima do obxectivo durante un período prolongado", asegura o BCE nun comunicado.
"A decisión adoptada hoxe subliña o compromiso do Consello de Goberno de definir a política monetaria de xeito que asegure que a inflación se estabilice no obxectivo do 2 % a medio prazo", sostén.
Asegura o BCE que "as perspectivas seguen suxeitas a unha elevada incerteza, con riscos á alza para a inflación e á baixa para o crecemento económico".
Con todo, asegura que "segue estando nunha boa posición para navegar a incerteza causada polo conflito e aplicará un enfoque dependente dos datos, no que as decisións se adoptan en cada reunión, para determinar a orientación apropiada da política monetaria".
Previsións do BCE
O banco tamén publicou as súas novas proxeccións macroeconómicas de inflación e crecemento para a zona do euro.
Agora prevé unha inflación xeral do 3,0 % en 2026 (sen variación respecto ás proxeccións anteriores de xuño), do 2,5 % en 2027 (2,3 % anterior) e do 2,1 % en 2028 (2 % anterior).
O BCE mantén os seus prognósticos de inflación para este ano pero prevé agora que a inflación será algo máis elevada en 2027 e 2028.
Así mesmo tamén anticipa un crecemento na zona do euro do 0,9 % en 2026 (0,8 % nas proxeccións anteriores de xuño), do 1,4 % en 2027 (1,2 % anterior) e do 1,5 % en 2028 (sen variación).
"Esta revisión á alza para 2026 e 2027 reflicte principalmente unha capacidade de resistencia da economía da zona do euro maior da esperada", engade o BCE no comunicado.