Publicador de contidos

Publicador de contidos

A RAG estrea un dicionario castelán-galego en liña

A RAG estrea un dicionario castelán-galego en liña

Conta cunhas 26.000 entradas, 55.200 acepcións, máis de 87.000 sinónimos de tradución e unhas 6.000 frases feitas.

RAG RAG
G24.gal 10/09/2026 14:04 Última actualización 10/09/2026 14:59

A Real Academia Galega (RAG) estrea este xoves o Dicionario castelán-galego en liña (DRAGBIL), unha obra moderna cunha marcada vocación pedagóxica que conta cunhas 26.000 entradas, 55.200 acepcións, máis de 87.000 sinónimos de tradución e unhas 6.000 frases feitas.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a directora do novo dicionario, a académica María Dolores Sánchez Palomino; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González González, participaron este xoves na presentación deste repertorio dixital, que xa pode consultarse na web 'academia.gal' e que tamén está dispoñible a través da aplicación do dicionario monolingüe para Android e iOS.

O traballo para completar o proxecto, cunhas 26.000 entradas, 55.200 acepcións, máis de 87.000 sinónimos de tradución e unhas 6.000 frases feitas, comezou en 2014 e que supuxo moito máis que unha simple revisión da edición en papel do Dicionario bilingüe castelán-galego que a RAG publicou en 2004.

Son 1.000 novos lemas, preto de 7.000 acepcións incorporadas, uns 15.000 sinónimos de tradución máis e 800 fraseoloxismos que non figuraban na obra lexicográfica que serviu como punto de partida.

Ademais, realizouse un importante esforzo de actualización de numerosos artigos e de elaboración dos exemplos. En total, practicamente o 95% das entradas foron modificadas nalgunha medida.

"O Dicionario bilingüe castelán-galego en liña é un exemplo máis da vocación de servizo público da RAG", indicou Monteagudo, que sinala que unha das principais demandas dos usuarios son as ferramentas de consulta do galego.

"A gran acollida do dicionario monolingüe —en liña desde 2012— é unha boa proba diso, pero tamén se nos viña trasladando a necesidade de contar cunha ferramenta bilingüe en liña", engadiu.

A Academia espera, en calquera caso, ofrecer no futuro tamén unha ferramenta galego-castelán, pero mentres tanto a rede de procuras avanzadas do DRAGBIL fai que sexa en gran medida un dicionario reversible, ao permitir obter información igualmente na dirección galego-castelán.

Este novo dicionario, expuxo a súa directora, será obxecto "dunha actualización continua para completalo e melloralo progresivamente", xa que hai que "dedicarlle unha atención permanente, tanto no que respecta ao diálogo cunha sociedade en constante cambio como no referido aos dicionarios académicos monolingües do galego e do castelán".

Manuel González, pola súa banda, valorou "o novo paso na aplicación máis sistemática dos criterios metodolóxicos" adoptados na edición de 2004 que supón esta versión en liña, así como a necesaria incorporación de novas entradas.

O DRAGBIL non se limita a ofrecer equivalencias entre o castelán e o galego, senón que incorpora un marcado enfoque didáctico para explicar as diferenzas entre ambas as linguas."Esta é unha obra cunha importante dimensión didáctica", comentou María Dolores Sánchez Palomino, que avanzou que a obra aguzosa atención a cuestións como os falsos amigos, os distintos usos segundo o contexto, as diferenzas de xénero e número e as construcións verbais e tamén inclúe indicacións fonéticas para aclarar diferenzas de pronuncia que poden afectar o significado.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade