Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro pide que se vote o 29N e di que "a xente terá que elixir entre dous modelos"

Besteiro pide que se vote o 29N e di que "a xente terá que elixir entre dous modelos"

O secretario xeral dos socialistas galegos e portavoz parlamentario, pronunciouse nestes termos en declaracións aos xornalistas en Lugo, onde asistiu á tradicional comida dos socialistas da provincia con motivo do San Froilán

G24.gal 25/10/2026 19:20

O secretario xeral dos socialistas galegos e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, pediu á xente que acuda a votar nas eleccións xerais do 29N e afirmou que ese día terase " que elixir entre dous modelos".

"Un modelo que representa o PP, que é o modelo da motoserra, ese modelo que vai actuar sobre as pensións, sobre o salario dos traballadores,(...), ese recorte permanente de dereitos; e o modelo que representa o Partido Socialista, de ampliar, de construír novos dereitos e retos, como é o de fortalecer o estado do benestar cunha nova achega: a vivenda", sinalou.

Besteiro pronunciouse nestes termos en declaracións aos xornalistas en Lugo, onde asistiu á tradicional comida dos socialistas da provincia con motivo do San Froilán.

Sobre a vivenda, dixo que a sitúan "os progresistas nos horizontes dos próximos anos" e salientou a súa aposta "por unha economía que crece pero sobre todo que reparte mellor ese crecemento e eses beneficios económicos".

"Ampliar dereitos fronte ás dereitas que van recortar todos eses dereitos", sinalou Besteiro, e criticou ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, por afirmar "que quere facer un millón de vivendas".

"Hai que dicirlle (a Feijóo) que os galegos temos memoria e que sabemos o que fixo aquí mentres gobernou: cero vivendas", engadiu.

"Todo o mundo ten que ter claro que se quere parar á dereita e á ultradereita a papeleta que serve é a do Partido Socialista", subliñou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade