Unha xornada reúne o panorama musical galego actual para analizar o papel da música na normalización da lingua
Unha xornada reúne o panorama musical galego actual para analizar o papel da música na normalización da lingua
9Louro, Laura LaMontagne, Hugo Guezeta, Grande Amore, Ortiga, Faia Díaz, Mini, Xurxo Souto e Guadi Galego participan nos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega
A xornada desenvólvese na Facultade de Ciencias da Información e pode seguirse en directo desde a web do CCG, a canle de YouTube e www.g24.gal
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolle este martes a XXVIII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión, a cita propón situar a música no centro do debate sobre o futuro social do galego, explorando as posibilidades que ofrece a creación contemporánea para reforzar a presenza da lingua, favorecer novos vínculos de pertenza e conectar coas xeracións máis novas.
Nos últimos anos está a emerxer unha nova escena musical en galego que consegue conectar coa mocidade a través de linguaxes, códigos estéticos e canles de difusión contemporáneas. Propostas de música urbana como a de 9Louro, xunto co impacto de fenómenos como Tanxugueiras, amosan a capacidade da música para situar o galego en novos contextos de consumo cultural e presentalo como unha lingua viva, actual e vinculada ás prácticas xuvenís.
Un programa con voces de diferentes xeracións e estilos
A sesión abre co panel "Da raíz á vangarda: continuidade e cambio na música en galego", onde participan Mini, Xurxo Souto, Guadi Galego e Faia Díaz, integrante de De Vacas. Coordinado e moderado por Manuel Maseda, o encontro analiza a evolución da música en galego e o diálogo entre tradición e innovación.
O segundo panel, "Crear en galego: entre o compromiso, o mercado e a identidade", conta coa participación de Marta Álvarez, de De Ninghures; Hugo Guezeta; Pauliña e Grande Amore. Baixo a coordinación e moderación de Bernardo Penabade, aborda a relación entre a creación musical, as condicións da industria cultural e a elección do galego como lingua de expresión artística.
A sesión continúa pola tarde co panel "Difusión, redes e neofalantismo: como medra a comunidade", no que participarán Fátima Pego, Ortiga, Antía Muíño e MØU, de Dios Ke Te Crew. Coordinado e moderado por Luz Castro, este espazo centrarase nas canles de difusión e nas dinámicas que permiten crear comunidade arredor da música en galego.
Pecha co panel "Música urbana e adolescencia: socialización lingüística en novos espazos", reunirá xmaseda, O Rabelo, Laura LaMontagne e 9Louro. Coordinado e moderado por Ana Iglesias, afondará na capacidade dos novos estilos musicais para conectar co público adolescente e abrir vías de incorporación do galego ás súas prácticas culturais e lingüísticas.
A xornada rematará ás 19:15 horas cunha actuación de xmaseda.
Unha cita estable no calendario
Os Encontros para a Normalización Lingüística, que o CCG organiza desde 1993, consolidáronse como un espazo de reflexión, diálogo e propostas arredor da lingua galega, coa vontade de analizar a súa situación e promover accións que impulsen o seu uso social. En edicións anteriores abordáronse temas como a lingua nas exequias, na economía e na sustentabilidade lingüística, na arte como ferramenta de construción social, ou a transmisión interxeracional do galego.