Publicador de contidos

Publicador de contidos

Queda extinguido o incendio forestal declarado en Nostián

Queda extinguido o incendio forestal declarado en Nostián

O foco iniciouse este domingo á noite nunha zona de monte baixo situada preto da planta de tratamento de residuos

A medianoite quedou controlado e a primeira hora deste luns os efectivos contraincendios conseguiron sufocalo

Segundo fontes municipais, non hai persoas afectadas

G24.gal 21/09/2026 07:04 Última actualización 21/09/2026 09:08

A primeira hora deste luns quedou extinguido o incendio forestal declarado este domingo na zona de Nostián. A alerta saltou ás 21:25 horas nunha zona forestal situada nas inmediacións da planta de tratamento de residuos. Pronto, unha densa columna de fume negro xurdiu nesta área, que foi visible desde varios puntos da cidade.

Fontes municipais sinalan que o lume afecta unha zona de monte baixo e que non hai bens nin persoas afectadas. Os bombeiros da Coruña mobilizaron catro dotacións, que estiveron traballando na zona durante toda a noite. Ás 23:55, daban o incendio por controlado. Esta mañá conseguiron extinguilo.

No operativo participaron tamén efectivos da Consellería de Medio Rural. Ata o lugar trasladáronse tres brigadas, dous axentes e dúas motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, e tamén outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade