Declarado un incendio forestal no núcleo coruñés de Nostián
Un amplo dispositivo de emerxencias formado por bombeiros e policía está despregado na zona
Todos os esforzos céntranse en evitar que as lapas afecten á refinería
Ás 21:25 horas deste domingo declarouse un incendio forestal que está a rodear o núcleo industrial de Nostián, en San Pedro de Visma, A Coruña.
Segundo informaron fontes da Consellería de Medio Rural achegáronse ata o lugar tres brigadas, dous axentes e dúas motobombas para a súa extinción. Ademais un amplo operativo formado por bombeiros e policía despregouse na zona.
Arestora, todos os esforzos céntranse en tentar que as lapas non cheguen á planta de tratamento de residuos nin a refinería.
Unha inmensa columna de fume é visible desde boa parte da cidade.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, así como outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.