Publicador de contidos

Publicador de contidos

A conca do Miño alcanza os 36 graos nun setembro atípico

A conca do Miño alcanza os 36 graos nun setembro atípico

Xornada de contrastes con temperaturas baixas pola mañá e 20 graos máis pola tarde

Ata o vindeiro martes Meteogalicia mantén o aviso amarelo nesta zona pola calor 

O domingo a calor fíxose insoportable para a xente que andaba pola rúa.
G24.gal 20/09/2026 21:10 Última actualización 20/09/2026 21:48

Contra as catro e media da tarde en Ourense rozaban os 36 graos. E dúas horas despois o termómetro seguía sen baixar dos 34, isto un 20 de setembro. Unha calor coma se fose pleno verán en toda a conca do Miño, en aviso amarelo por altas temperaturas, a máxima foron os 36 en Salvaterra do Miño. Tamén rozaron os 36 en Salceda de Caselas e en Leiro, no Ribeiro. 

"Hoxe somos o forno de toda España, paréceme. É un setembro louco, eu creo que debe chover, porque en setembro debe chover", di un veciño ao seu paso pola ponte romana en Ourense. 

"Moi caloroso, pasamos un verán horroroso", apunta outra veciña. 

Ás mañás xa comezan a refrescar, en Ourense a mínima foi de 13,5 graos, e pola tarde, máis de 20 graos de oscilación térmica

"É a época da roupa-cebola, imos por capas. Saes pola mañá e vas cunhas capas e logo valas quitando, e logo cando empeza a escurecer vólvelas pór".

"Os contrastes de temperatura é o que non me gusta".

O contraste é maior noutros puntos da provincia. A 4 graos espertaron en Calvos de Randín e a 6 en Xinzo de Limia. 

"Polas noites xa refresca, entón á mañá ata as 11 estás ben, pero o que é o resto do día non". 

Esta calor intensa a destempo chega coas piscinas municipais xa pechadas, e o mellor refuxio segue a ser a auga do Miño. Setembro deixa días de extremos e o aviso amarelo por altas temperaturas mantense polo menos ata este martes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade