Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres detidos por atracar armados cunha pistola un banco en Pazos de Borbén

Tres detidos por atracar armados cunha pistola un banco en Pazos de Borbén

Levaron un botín de máis de 57.000 euros

Dous dos arrestados ingresaron en prisión provisional e outro quedou en liberdade á espera de novas actuacións xudiciais

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 25/06/2026 12:34

A Garda Civil de Pontevedra detivo tres persoas como presuntas autoras dun atraco cunha de pistola cometido o pasado 19 de maio nunha sucursal bancaria de Pazos de Borbén, da que subtraeron máis de 57.000 euros.

Aconteceu case á hora do peche do banco. Dous individuos accederon ao interior, ataviados con perrucas e portando unha arma de fogo e un coitelo de grandes dimensións.

Despois ataron con bridas unha empregada e un cliente que estaba a facer uso do caixeiro automático.

Os asaltantes, segundo indicou a Garda Civil, mostraron unha actitude agresiva e ameazante e, para levarse o diñeiro, esperaron a apertura retardada da caixa forte e do caixeiro automático.

Tralo roubo, marcharon do lugar simulando ser clientes e fuxiron nun vehículo que apareceu calcinado preto das vías ferroviarias da parroquia de Tomeza, en Pontevedra.

Para dificultar a súa localización, os sospeitosos cambiaban frecuentemente de residencia.

Finalmente, as tres persoas implicadas, dúas delas con antecedentes violentos e veciñas de Redondela e Pazos de Borbén, foron detidas os días 16 e 17 de xuño nas localidades de Redondela e Vigo.

A banda caeu despois dun mes de pescudas

As primeiras pescudas orientaron a investigación cara a varios individuos con amplos antecedentes por delitos contra o patrimonio, especialmente por roubos con violencia e intimidación e asaltos a entidades bancarias.

Os investigadores relacionan un dos detidos co asalto a un estanco de Redondela mediante o uso de armas de fogo e con outro suceso rexistrado o 5 de xuño na parroquia viguesa de Candeán, onde un vehículo implicado nunha persecución policial chocou cun coche da Policía Local.

Nos rexistros domiciliarios realizados, os axentes interviñeron diversas pezas presuntamente utilizadas durante o atraco, diñeiro en efectivo e munición compatible con arma de fogo.

Impútanlles os delitos de roubo con violencia e intimidación, pertenza a grupo criminal, detención ilegal, tenencia ilícita de armas e delito contra a seguridade viaria.

Os tres arrestados foron postos á disposición xudicial o pasado 18 de xuño. O xuíz decretou o ingreso en prisión de dous deles, mentres que o terceiro quedou en liberdade á espera de novas actuacións xudiciais.

A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Redondela e coordinada coa Fiscalía de Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade