Extinguido o incendio forestal de Padrenda tras calcinar 27 hectáreas
Para a súa extinción mobilizáronse un técnico, oito axentes, 24 brigadas, nove motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións
Extinguido tamén un conato de incendio forestal en Lobios que afectou o parque natural do Xurés
A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal de Padrenda, parroquia homónima, quedou extinto na madrugada deste luns tras arrasar 27 hectáreas.
Tal e como trasladou a Xunta o lume iniciouse ás 6:40 horas deste domingo e finalmente afectou 27 hectáreas de monte raso.
Para a súa extinción mobilizáronse un técnico, oito axentes, 24 brigadas, nove motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións.
Extinguido un conato de incendio forestal en Lobios que afectou o parque natural do Xurés
Tamén se informou por parte da Consellería do Medio Rural da extinción dun conato de incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Mandín, dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Segundo indicou o departamento autonómico nun comunicado, o lume quedou extinguido ás 10:40 horas deste luns e afectou unha superficie de 0,13 hectáreas de monte raso. O lume comezou ás 21:21 horas deste domingo.
Para facer fronte ás lapas mobilizaron tres axentes, catro brigadas e unha motobomba.
Neste contexto, a Consellería do Medio Rural lembrou que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún incendio forestal, e o número anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria: 900 815 085.