Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Policía atribúe aos Fanchos a descarga e a custodia da cocaína comisada na Pobra

A Policía atribúe aos Fanchos a descarga e a custodia da cocaína comisada na Pobra

Polo menos dous dos tres detidos neste operativo pasan este luns á disposición xudicial en Ribeira

En total interviñéronse na operación 1.410 quilos de cocaína

G24.gal 24/08/2026 10:52

O líder do clan dos Fanchos é un dos detidos pola Policía Nacional no operativo realizado na Pobra do Caramiñal esta fin de semana e que deixa unha incautación de 1.410 quilos de cocaína nesta vila do norte da ría de Arousa.

Rafael R. G. sería, segundo os responsables da investigación, o encargado de coordinar a descarga e a custodia da droga.

As investigacións centráronse precisamente nel, no líder do clan, vinculado ao narcotráfico no Barbanza, especialmente na contorna de Boiro e A Pobra, despois de ter coñecemento de que o pasado 20 de agosto dúas embarcacións descargaran unha importante partida de cocaína nunha praia desta zona.

Desde ese momento establecéronse distintos dispositivos para determinar o seu grao de participación e esclarecer os feitos.

O día 21 de agosto os investigadores detectaron un primeiro movemento que chamou especialmente a súa atención. Pouco antes do mencer, aínda non eran as 7:00, observaron como un vehículo chegaba ao domicilio do principal investigado.

Pouco despois, explica a policía nun comunicado, unha persoa saía da vivenda portando unha mochila e introducíase no vehículo, cuxos ocupantes adoptaron numerosas medidas de seguridade dirixidas a evitar ser seguidos ou detectados.

Durante a madrugada do 22 de agosto, o líder do clan, acompañado doutros dous homes, realizou varios desprazamentos desde o seu domicilio ata un alpendre situado fronte á súa propiedade, moi próximo á praia do Conchido.

Os axentes observaron como os tres individuos comezaban a trasladar vultos de gran peso desde o pendello ata outra vivenda situada no mesmo municipio. Polas súas características e a forma en que estaban a ser manipulados, os investigadores sospeitaron que podería tratarse de paquetes de cocaína.

Ante a evidencia de que se estaba producindo o traslado e ocultación do estupefaciente, procedeuse á detención dos tres implicados e ao aseguramento da droga.

A continuación os axentes levaron a cabo rexistros no domicilio do principal investigado, o alpendre e a terceira vivenda á que foran trasladados os vultos. Como resultado foron intervidos 1.410 quilos de cocaína, 100 gramos de heroína, diñeiro en efectivo, ademais doutros obxectos de interese para a investigación.

A operación rematou coa detención de tres homes, entre os que destaca o líder do histórico clan dos Fanchos, aos que se atribúen os delitos de pertenza a organización criminal e tráfico de drogas. Polos menos dous dos tres detidos durante a mañá de hoxe ao dispor da autoridade xudicial nos Xulgados de Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar