Catro detidos e máis de 1.500 quilos de cocaína aprehendidos na Pobra do Caramiñal
Os detidos estarían vinculados ao clan dos Fanchos e serían, presuntamente, os responsable de introducir a droga na terra, de custodiala e de entregala posteriormente
A droga estaba agochada nunha vivenda ao lado do mar e con ela estaba un home de nacionalidade croata
A operación permanece aberta e na tarde deste sábado os axentes continuaban cos rexitros preto da praia do Cunchido
Operación antidroga na madrugada deste sábado na Pobra do Caramiña. De momento saldouse con catro detidos e máis de mil quilos de cocaína aprehendidos. A Policía Nacional, responsable do operativo, non facilita datos concretos polo de agora porque a operación continúa aberta.
Liderados pola Brigada Central de Estupefacientes e co apoio de efecctivos das comisarías de Pontevedra e Ribeira, decenas de axentes da Policía Nacional uniformados e tamén de paisano interceptaron, de madrugada, unha partida de cocaína de máis de 1.000 quilos, que estaba a punto de ser trasladada desde "unha gardería" situada na Pobra do Caramiñal, a un lugar que polo de agora non transcendeu.
Os detidos na operación están vinculados ao clan dos Fanchos, todas eles da comarca do Barbanza. Segundo transcendeu, estas persoas formarían parte dunha organización autóctona responsable de introducir a droga na terra, de custodiala e de posteriormente entregala.
O operativo da Policía Nacional tamén localizou un home de orixe croata canda o cargamento que ía ser transportado, un elemento clave que indica que, outra vez, o cártel dos Balcáns parecer ser unha alianza directa dos narcos galegos, alianza que xa aparecera noutro operativo recente, no que un cidadán serbio recollía outro alixo que estaban entregando persoas relacionadas co clan dos Charlíns.
A droga estaba agochada nunha vivenda situada xusto a carón do mar, un lugar no que era fácil introducila directamente desde a ría.
A operación permanece aberta e na tarde deste sábado os axentes continuaban cos rexitros preto da praia do Cunchido.