Diz (Jupol): "Preocúpanos ter un ministro do Interior que non nos apoia"
O secretario en Galicia do sindicato policial asegura que actúan con medo a que se cuestionen as súas intervencións
Advirte dunha radicalización das protestas e sinala a grupos de extrema esquerda entre os participantes
O secretario rexional do sindicato policial Jupol acusa o ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, de non apoiar os axentes e de poñer en entredito as súas actuacións.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Miguel Diz expresa a súa preocupación por que o máximo responsable das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, ao seu xuízo, dea creto ás acusacións de brutalidade policial.
“O que máis nos preocupa é ter un ministro do Interior que non nos apoia, que se fai eco de certos sectores políticos e sociais que teñen a ben sempre criminalizarnos e chamarlle a todo brutalidade policial, obviando as ilegalidades e que a Policía ten o deber de protexer os dereitos de todos os cidadáns”.
O responsable de Jupol en Galicia tamén lamenta que o ministro non explique as razóns das cargas policiais e que "unicamente saia para dicir que nos vai investigar ou que nos vai quitar material antidisturbios".
"A policía non fai unha carga porque lle apetece senón porque, ao mellor, cortouse unha estrada que non se pode cortar, porque pode haber unha ambulancia parada a cinco quilómetros e non pode pasar ou porque as outras persoas teñen dereito a ir ao seu posto de traballo".
Miguel Diz explica que para que os axentes poidan adiantarse a disturbios como os acontecidos en Barcelona ou aos incidentes da Praza de María Pita son imprescindibles os servizos de información e "que nos deixen traballar".
"Os compañeiros xa actúan con medo porque estamos constantemente cuestionando a brutalidade policial... Non estou dicindo que non haxa que investigar algunha irregularidade ou exceso moi puntual pero o 99,9% das imaxes que se ven pola televisión veñen precedidas de ilegalidades que non se teñen en conta".
O representante sindical atribúe as condutas radicais á polarización da sociedade e ás redes sociais.
“Estamos vendo unha polarización da sociedade que leva a unha radicalización que o que fai, ao final, é xustificar a violencia como método de protesta".
A isto hai que engadir, segundo afirma, a crise da vivenda.
"A frustración económica co tema da vivenda pode ser que tamén contribúa a esta radicalización e despois está o efecto contaxio. Todo esto xunto é un cóctel que nos ten bastante preocupados, a verdade".
Diz indica que detrás destes incidentes hai grupúsculos que "acostuman ser de esquerda ou de extrema esquerda".
“Cando foron os disturbios de María Pita, estaban as mocidades do BNG, Nova Galiza -creo que se chaman-, do Sindicato de Estudantes... Toda esa xente vinculada á esquerda ou á extrema esquerda, pero tamén é verdade que, polo medio, apareceron os Riazor Blues. Eses o que buscan é a violencia pola violencia".
Tamén descarta que os autores dos estragos fosen captados por algún grupo. No caso de Barcelona, lembra, 72 dos máis de 120 detidos eran menores "que seguramente non estaban vinculados a ningunha ideoloxía política senón que máis ben teñen falta de arraigo ou están en risco de exclusión social".
Ameazas bomba
Tras as falsas ameazas bomba en 80 centros escolares galegos, o responsable rexional de Jupol indica que a Policía aínda non puido identificar os autores.
"A día de hoxe non podemos identificar aos autores destas ameazas de bomba en masa. Os servizos de información e a policía xudicial están a traballar pero non podemos dicir quen pode ser o responsable porque ata un rapaz cun ordenador pode estar detrás".
Miguel Diz explica que o incidente máis salientable foi o rexistrado no CIFP Paseo das Pontes da Coruña onde apareceu un maletín sospeitoso. Un equipo dos TEDAX trasladouse ata as instalacións e o can de rastrexo sentou enriba del, tal e como acostuman facer cando detectan explosivos.
"Foi o único sitio no que sentou o can e o Tedax tivo que mandar o robot e explosionar a maleta. Realmente era outra falsa alarma, non había nada dentro".