Os EUA sancionan por narcotráfico unha banda de moteiros con líder galego
Cren que teñen unha alianza estratéxica co Cártel Jalisco Nueva Generación, o Clan do Golfo, o Cártel de Sinaloa e a organización ecuatoriana Los Choneros
O Goberno dos Estados Unidos sancionou este xoves por tráfico de drogas e por proporcionar apoio ao narcotráfico mexicano a banda de moteiros australiana coñecida como os Comancheros, incluído un dos seus líderes mundiais, o galego Alexandre Varela Villar.
A Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC) do Departamento do Tesouro tamén anunciou sancións polo mesmo motivo contra a 'Ndrangheta, a coñecida mafia orixinaria de Calabria, no sur de Italia.
O Goberno estadounidense considera que o Club Motociclista Comanchero mantén unha alianza estratéxica co Cártel Jalisco Nueva Generación, o Clan del Golfo, o Cártel de Sinaloa e a organización ecuatoriana Los Choneros, considerada unha filial deste último cártel mexicano.
Segundo asegura a OFAC nun comunicado, os Comancheros "enviaron centos de quilogramos de cocaína desde Sudamérica cara aos Estados Unidos, Australia e Europa" e están implicados noutras actividades delituosas, "como asasinatos, tráfico de armas e branqueo de capitais" en case unha vintena de países de América, Europa, Asia e Oceanía.
O Tesouro sanciona tamén a Varela Villar, nacido en Pontevedra e coñecido como "Alex Vare" ou "Vare", a quen sinala como "comandante mundial" dos Comancheros con base en España.
As sancións implican o bloqueo dos seus bens e intereses patrimoniais nos Estados Unidos, así como a prohibición de que persoas ou entidades baixo xurisdición estadounidense participen en calquera tipo de transacción con el.
A OFAC tamén sanciona o "presidente mundial dos Comancheros, con sede en Australia", Allan John Norman Meehan, e a Pasilika Naufahu, "presidente nacional" da filial neozelandesa da banda, fundada en Sidney en 1968 e considerada en Australia unha das agrupacións de motociclistas máis poderosas e temidas.
Pola súa banda, Washington considera que a 'Ndrangheta controla "unha parte importante do comercio europeo de cocaína" e afirma que colabora co cártel de Sinaloa, o Cártel Jalisco Nueva Generación e o Clan del Golfo.
Ademais de sancionar a propia organización, inclúe seis membros e dirixentes da súa rede canadense, así como a esposa e os fillos dun deles, Luigi Vescio, e sinala catro empresas familiares.