Trump teme un posible ataque de Irán con armas químicas contra Washington
"Se o fan, pagarán un prezo que non pagou ningún país antes", advirte
O presidente dos EUA confía en que non se materialicen as informacións da CNN que falan dun posible ataque cunha bomba de material nuclear de carga baixa en territorio norteamericano
Donald Trump en Manila (REUTERS/Eloísa López)
O presidente estadounidense, Donald Trump, dixo este martes que toman "moi en serio" as informacións de intelixencia dun posible ataque iraniano en Washington cunha bomba sucia ou unha arma química, que supoñería unha escalada sen precedentes no conflito con Teherán.
"Se o fan, pagarán un prezo que non pagou ningún país antes", indicou Trump en Manila.
"Tomámolo moi en serio, porque (os líderes iranianos) están tolos", indicou. O mandatario norteamericano espera que as informacións reveladas por CNN sobre plans para este ataque cunha bomba cunha baixa carga de material nuclear para elevar os efectos dunha explosión non acaben materializándose.
CNN informou este luns, con base en varias fontes do goberno estadounidense, de que Irán parece estar a planear un ataque contra membros do equipo de Trump en Washington e a intelixencia estadounidense interceptou conversacións iranianas sobre plans acerca de bombas en territorio dos Estados Unidos.
As fontes estadounidenses cren que polo momento eses plans só indican a vontade de abrir opcións de posibles represalias contra Estados Unidos, pero non consideran probable un ataque inminente ou mesmo que eses plans se materialicen.
As interceptacións indican a posibilidade de que operativos iranianos conseguisen material para facer bombas dentro de Estados Unidos, pero os funcionarios de intelixencia están divididos sobre a credibilidade deste tipo de conversacións.
Irán podería de xeito relativamente sinxelo usar pequenas cantidades de material nuclear ou axentes químicos para ampliar os efectos dunha bomba convencional.