Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un cambio no cableado provocou o caos aéreo nos Estados Unidos

Un cambio no cableado provocou o caos aéreo nos Estados Unidos

Os problemas continúan nos aeroportos do país onde xa se cancelaron máis de 10.000 voos

As terminais máis afectadas están en Chicago, Atlanta, Nova York e Boston

G24.gal 15/11/2026 08:28 Última actualización 15/11/2026 09:33

A substitución do antigo cableado de cobre por fibra óptica nos sistemas de telecomunicación aérea orixinou a suspensión total de engalaxes nos Estados Unidos o pasado venres, segundo as autoridades do país. 

As catro horas que durou esta inusual medida, aplicada só tres veces este século, continúan a causar o caos en aeroportos de todo o territorio, nos que se rexistraron dende entón máis de 10.000 cancelacións.

O secretario de Transporte, Sean Duffy, xa descartou por completo este sábado o ciberataque e apuntou a fallos nun sistema que cualificou de "obsoleto".

Explicou que o problema xurdiu durante un mantemento rutineiro levado a cabo por unha contratista da compañía L3Harris, a principal provedora de servizos da Administración Federal de Aviación (FAA).

"Estamos a tratar de determinar se houbo incompetencia, é dicir, se se tratou dun erro humano ou dun fallo na instalación por parte de L3Harris. Ou se instalaron un router defectuoso", agregou o secretario.

L3Harris, que colabora na investigación, asegurou que está a "modernizar a infraestrutura de comunicacións que sustenta o Sistema Nacional do Espazo Aéreo en estreita coordinación coa FAA" e que a maior parte dese labor se completou.

Pola súa banda, o administrador da FAA, Bryan Bedford, descartou que o problema estea relacionado cun novo sistema de intelixencia artificial implementado nos últimos meses para axudar a xestionar condicións meteorolóxicas e traxectorias de voo.

O departamento de Transporte pediulle ao Congreso 30.100 millóns de dólares para modernizar a infraestrutura aérea, e Duffy asegurou á prensa que o presidente, Donald Trump, está disposto a traballar no asunto cos demócratas, que asumirán o control do Congreso en xaneiro. 

Terminais máis afectadas

Os aeroportos máis afectados están en Chicago (O'Hare), Atlanta (Hartsfield-Jackson), Nova York (John F. Kennedy e La Guardia) e Boston (Logan), onde aínda hai problemas e as autoridades tomaron medidas de emerxencia para asistir as persoas afectadas.

Mentres, aeroliñas como as estadounidenses American Airlines, United e Delta eliminaron os cargos e flexibilizaron as opcións para cambios ou cancelacións de voos.

En Nova York, as autoridades repartiron mantas, alimentos para bebés e outras subministracións básicas e a gobernadora do estado, a demócrata Kathy Hochul, advertiu do incremento, nas vindeiras semanas, das viaxes polas festas de Acción de Grazas e Nadal.

Ademais, reclamou a dimisión de Duffy, ao que acusa de estar "máis centrado en protagonizar o seu propio programa televisivo que en abordar a crise", e instou o Congreso a investigar o sucedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade