Estados Unidos reanuda as engalaxes nos aeroportos tras catro horas de interrupción
A Administración Federal de Aviación alertou dun fallo nas comunicacións, que lle afectou aos centros de control
O incidente provocou máis de 6.000 cancelacións e milleiros de atrasos en todo o país
Os Estados Unidos recuperan progresivamente a actividade aérea tras levantar a suspensión nacional das engalaxes, que durante catro horas paralizou as saídas dos aeroportos por un fallo nas comunicacións da Administración Federal de Aviación.
O incidente provocou máis de 6.600 cancelacións e milleiros de atrasos en todo o país. As autoridades advirten que as operacións tardarán en normalizarse e que as alteracións poderían prolongarse durante toda a fin de semana.
O Goberno de Donald Trump descarta que se tratase dun ataque terrorista ou que tivese relación coa caída de Microsoft do día anterior. Segundo explicou o secretario de Transportes, Sean Duffy, unha sobrecarga de datos nos sistemas de comunicacións provocou informacións inconsistentes, polo que se decidiu apagar o sistema por precaución. A Casa Branca fala dun sistema obsoleto e pídelle ó Congreso 30.000 millóns de dólares pra modernizar o sistema de control aéreo, as torres e as instalacións aeroportuarias.
Estados Unidos conta co espazo aéreo máis transitado do mundo. Xestiona, de media, máis de 45.000 voos diarios e presta servizo a case tres millóns de pasaxeiros. Esta foi a terceira suspensión xeral das engalaxes neste século, tras as decretadas despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 e do fallo informático de 2023.