Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA retoman a cooperación militar con Venezuela para levar a cabo "reformas profundas"

Os EUA retoman a cooperación militar con Venezuela para levar a cabo "reformas profundas"

Na comitiva estadounidense estivo o cuestionado magnate Alejandro Betancourt, que conseguiu para a súa empresa a explotación de 17 campos petroleiros

Ssgt Madelyn Keech / U.S. Air / Zuma Press / Europa Ssgt Madelyn Keech / U.S. Air / Zuma Press / Europa
G24.gal 18/11/2026 23:01

 A visita non anunciada do secretario de Guerra dos Estados Unidos, Pete Hegseth, a Venezuela formalizou este mércores un acordo para retomar a cooperación técnico-militar, interrompida desde 2005, que se viña preparando desde había meses con operacións puntuais, tras a intervención militar que levou á captura de Nicolás Maduro.

"Esta cooperación técnico-militar é unha cooperación que hoxe estamos a retomar e espero que poidamos levala aos seus mellores niveis para que, como dixo o secretario, poidamos facer fronte a ameazas comúns", afirmou a presidenta interina, Delcy Rodríguez, durante a sinatura no Palacio de Miraflores.

A nova alianza representa a formalización da cooperación militar entre Venezuela e os Estados Unidos, despois de que este ano Washington realizase exercicios en Caracas en maio e abatese, durante unha operación conxunta, a Héctor Rusthenford Guerrero Flores, alias "Niño Guerrero", máximo líder da organización criminal transnacional Tren de Aragua.

Mentres os canais oficiais de información do Goberno venezolano insistían en lembrar "o pensamento do comandante eterno Hugo Chávez", a realidade era outra no Palacio de Miraflores, escenario da sinatura formalizada por Hegseth e o seu homólogo venezolano, Gustavo González López, que durante anos foi director do servizo de intelixencia venezolano e está acusado de vulneracións dos dereitos humanos.

Unha visita "inimaxinable" hai un ano

Hegseth, unha das persoas ás que o presidente Donald Trump encargou a transición en Venezuela tras a captura de Maduro, lembrou que a súa presenza no país caribeño era algo "inimaxinable" hai un ano, pero que grazas ao "valor" do líder republicano e aos "mellores e máis valentes soldados estadounidenses" se resolveu "en cuestión de horas" un problema que afectou ao hemisferio "durante 27 anos".

O funcionario referiuse así aos case 30 anos que leva gobernando o chavismo, liderado ata xaneiro por Maduro.

Nese sentido, sinalou que o Departamento de Guerra levou a Maduro e á súa esposa, Cilia Flores, ante a Xustiza estadounidense, o que "puxo fin á guerra que, durante décadas, os narcoterroristas libraron en Venezuela contra os pobos estadounidense e venezolano".

"Conseguímolo mediante a operación militar máis sofisticada da historia de América Latina e sen unha soa baixa estadounidense. A operación durou apenas 48 minutos", lembrou, e asegurou que así "Venezuela pasou de ser a nosa ameaza rexional máis agresiva a converterse nun socio de seguridade colaborador".

O resultado, afirmou, foi unha "paz acadada a través da forza, ao levar os narcoterroristas ante a Xustiza e abrir un novo capítulo para os Estados Unidos, para Venezuela, para as Forzas Armadas venezolanas e para todo o hemisferio occidental".

"Reformas profundas" en Venezuela

Tras reunirse con Rodríguez en Miraflores, Hegseth realizou unha breve comparecencia ante os medios, autoridades venezolanas e embaixadores na embaixada estadounidense, que desde marzo está a recuperar a súa actividade tras o peche de xaneiro de 2019, cando Caracas rompeu relacións con Washington durante a anterior lexislatura de Trump.

Hegseth detallou que este "acordo histórico" permitirá "aos Estados Unidos colaborar co Goberno e as Forzas Armadas de Venezuela mediante o adestramento conxunto, a cooperación estratéxica, o intercambio de información de intelixencia e a subministración de equipos e capacidades de defensa".

"Para completar a tarefa de eliminar as ameazas e estabilizar Venezuela dunha vez por todas, esta asociación renovada en materia de defensa non será algo meramente cosmético", destacou.

Para iso, apuntou a necesidade de "eliminar e erradicar" todas "as redes narcoterroristas que hoxe usurpan territorio venezolano" e tamén de aplicar "reformas profundas nos ámbitos da seguridade e da defensa", para as que traballarán co Goberno venezolano.

Porén, está por ver que alcance terá esa "cooperación técnico-militar" e se pode implicar unha intervención máis permanente dos Estados Unidos en Venezuela ou mesmo o establecemento de bases militares, algo que está prohibido pola Constitución venezolana.

Máis alá diso, Hegseth tamén destacou o acordo petroleiro acadado en agosto, polo que os Estados Unidos conseguiron a explotación de máis do 20 % das reservas de cru venezolano durante un período inicial de 25 anos.

Na comitiva estadounidense estivo, precisamente, o cuestionado magnate Alejandro Betancourt, que grazas a ese acordo conseguiu que a súa empresa, North American Blue Energy Partners (NABEP) —da que os Estados Unidos son accionistas cun 25 %—, obtivese a explotación de 17 campos petroleiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade