Detido tras disparar tres veces contra outro home no barrio do Vinteún de Ourense
Está acusado de tentativa de homicidio, e nas próximas horas pasará á disposición xudicial
Foi na rúa Río Arnoia onde tivo lugar a liorta a madrugada do domingo, pero todo comezara unhas horas antes nun local da rúa Ramón Caballinas, no centro da cidade.
Segundo avanzou o xornal La Región, supostamente un home tentou roubarlle os cartos a outro e ao non conseguilo ameazou con atopalo máis adiante. A presunta vítima volveu á casa en taxi e cando baixou na rúa Río Arnoia o home co que discutira saíu dun coche, ameazouno de morte e disparoulle tres veces.
O presunto atacante errou os disparos e a vítima agochouse detrás duns colectores. Namentres os veciños xa chamaran a Policía ao escoitar os berros e decatarse de que un levaba unha pistola e o outro un coitelo.
A Policía interceptou o presunto agresor no seu coche acompañado doutra persoa nunha glorieta nas inmediacións da comisaría da Policía Local. Foi detido como presunto autor dun delito de tentativa de homicidio.
O detido é veciño de Ourense, ten 33 anos e numerosos antecedentes policiais. Polo de agora permanece detido na comisaría da Policía Nacional á espera de pasar nas próximas horas á disposición xudicial.