Detido un home en Ourense por simular o roubo do seu teléfono móbil
Ante a imposibilidade de ofrecer explicacións verosímiles, o denunciante terminou confesando que un coñecido tiña o seu móbil
Os axentes comprobaron como o denunciante intentara cobrar o importe do seguro
Exteriores da comisaría da Policía Nacional de Ourense. Arquivo
Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron un home que simulou ser vítima do furto do seu teléfono móbil de alta gama. Impútanselle os delitos de simulación de delito e tentativa de estafa.
Tal e como trasladou a Policía Nacional en nota de prensa, o investigado acudiu a mediados de xuño á comisaría para denunciar que, mentres se atopaba tomando un baño nunha piscina pública da cidade, que lle deberan subtraer o seu teléfono depositado xunto ás súas pertenzas.
Tras realizar as oportunas indagacións respecto do terminal móbil, os axentes comprobaron como o denunciante intentara cobrar o importe do seguro contratado para este tipo de situacións cunha compañía aseguradora.
Ante a imposibilidade de ofrecer explicacións verosímiles dos feitos sucedidos, o denunciante terminou confesando aos axentes que o teléfono móbil non foi subtraído e que se atopaba en poder dunha terceira persoa coñecida, o que derivou na súa detención.
Finalmente, os feitos foron postos en coñecemento da autoridade xudicial competente.