Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rouba unha vez máis nas mesmas máquinas expendedoras de Pontevedra

Rouba unha vez máis nas mesmas máquinas expendedoras de Pontevedra

Esta semana levárono detido ao hospital, fuxiu e na persecución un Policía Nacional quedou mancado

Advirten da deriva deste home, afectado por unha enfermidade psiquiátrica

 

G24.gal 23/10/2026 14:20

Volveu facelo, a patadas, falando en voz alta, xustificándose por eses roubos que traen de cabeza os propietarios.

"Estou desesperado porque a policía non me pode axudar. Cando o deteñen, sóltano ao día seguinte e levamos así un mes. Eu non teño vida. Estou pegado ao teléfono, vendo as cámaras e vendo os meus negocios e como os estraga, día tras día. É insoportable", denuncia José Luis López, xerente da Expendedora Rías Baixas.

Facendo garda 24 horas. Mesmo foron falar con el, coa esperanza de facelo entrar en razón. Duroulle unhas horas.

"Pediu desculpas, dixo que non era el pero nun par de horas foi a outro local, mexou alí, dicindo que mexaba na nosa cara, facendo cortes de manga e ameazando", engade o empresario.

Hoxe mesmo cambiaban os cristais das últimas fazañas, máis reforzados. 

"Agora estamos probando cuns policarbonatos a ver se son un pouco máis resistentes e o que nos quedará ao final será pór reixas", confirma López.

A deriva desta persoa no último mes foi importante. 

"Traballou en repartimento de comida, tiña un móbil, un patinete, tiña unha vivenda, pero en moi pouco tempo foi perdendo todo. A enfermidade debeu empeorar e perdeu o patín, xa non anda co móbil e durme na rúa", dóese o xerente de Rías Baixas.

De feito, esta semana, ademais dos roubos, protagonizou un episodio violento. Temen unha desgraza.

"Estaba fóra de si, tirando colectores, insultando a xente..., estaba cun episodio forte e tivemos que chamar á ambulancia a ver se o podían ingresar. Non se entende que unha persoa así poida estar na rúa, que o deteñan, que saia, que o volvan deter e volva saír", quéixase.

Ingresárono no hospital, en calidade de detido, pero fuxiu. Na persecución, un policía nacional caeu e mancouse. Dende esa, non volveron velo preto das máquinas, pero sospeitan que non tardará en recuncar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade