Lugo amplía o servizo de taxi a demanda no rural
O servizo resérvase o día antes cunha chamada telefónica
O custo para os usuarios é de 64 céntimos por viaxe
Para dar servizo ás zonas rurais máis afastadas do centro da cidade, Lugo conta cun servizo de taxi a demanda na zona rural. O funcionamento é moi sinxelo.
"A xente chama o día antes a radiotaxi e resérvaselle un taxi que substitúe o bus urbano. O perfil é de xente que ten que ir ao médico, ao banco ou á praza de abastos", explica Javier Vázquez, presidente de Radio Taxi Lugo.
Hai ao longo do día 5 itinerarios de ida e volta para escoller, e os usuarios pagan só 64 céntimos, o equivalente a unha viaxe en bus urbano, e o resto do custo asúmeo o Concello.
"Eu se pido un taxi menos de 16 ou 18 euros non pago e con este servizo pago 64 céntimos. Nós fomos o outro día ao hospital e deixounos e colleunos na porta, o servizo fenomenal", comenta Celia Barreira, unha usuaria do servizo.
Este proxecto comezou a desenvolverse en dúas parroquias e ten un grande éxito entre os usuarios.
"Un servizo moi bo, estou encantada da vida, e coas que coincido todas din o mesmo. Para as que non conducimos, isto dános a vida. Moi puntuais e moi amables os taxistas, estamos encantadas", valora a usuaria Victoria Neira.
Agora o Concello anunciou a ampliación deste servizo a tres novas parroquias, co obxectivo de seguir progresivamente incluíndo máis.