FITO leva o teatro ás vilas da provincia de Ourense
O Festival Internacional de Teatro de Ourense segue cumprindo anos cunha aposta decidida por achegar o teatro ao maior número de persoas posible
Desde espectáculos de rúa, que saen ao encontro do espectador, ata novos escenarios en Celanova e Ribadavia
Soa música barroca sobre o escenario do auditorio municipal de Celanova. A compañía Píscore actúa en menos dunha hora e están cos últimos ensaios.
No seu afán por achegar o teatro á xente, Sarabela, a compañía ourensá que está detrás do FITO, leva a programación máis alá dos escenarios da cidade, á rúa e a outras vilas da provincia.
"Para o teatro e todos os usos e o consumo cultural é un reto moi grande a xestión de novos espectadores. Temos que saír do confort dos patios de butacas para estimular a xente, para que nos acompañe", conta Fina Calleja, directora do FITO.
Temáticas sociais, teatro comprometido, e tamén música, danza e ata circo conviven nesta décimo novena edición do FITO.
"O espectáculo que traemos hoxe é Molto Barroco. Un espectáculo que estreamos hai tres anos e que leva desde entón xirando por todo o estado e por toda Galicia. Música, teatro, comedia, participación do público...", Félix Rodríguez, da compañía Píscore Teatro.
Unha ducia de compañías, dúas internacionais, de Colombia e Arxentina, comparten co público o seu traballo ata o próximo domingo.