Produtos cosméticos inspirados nas boticas monásticas e elaborados no Bolo
Trátase dunha iniciativa do farmacéutico deste concello do rural ourensán coa que quere homenaxear o legado do monxes
Ademais dun champú, tamén elabora distintos tipos de cremas e un contorno de ollos
En varios produtos emprega extracto de follas de cepas da variedade godello e de mencía
Foi no mosteiro de Oseira, hai máis dunha década, onde naceu a inspiración de Vicente. Asistía a un acto da Real Academia Galega de Farmacia no que se inauguraba a horta do boticario.
Vicente Álvarez. Farmacéutico do Bolo: " case todos os medicamentos dos que hoxe disfrutamos, dalgunha maneira teñen a súa orixe nas prantas medicinais. Por iso sendo a fonte eles de toda a sabedoría eu quería dalgunha maneira recoñecer todo o que nos legaron os monxes boticarios, benedictinos no principio, a nosa saúde."
Unha homanaxe que o levou a crear a súa propia liña de produtos. Elabóraos el mesmo no laboratorio da súa farmacia, no Bolo, empregando elementos naturais. O primeiro foi un champú.
Vicente Álvarez. Farmacéutico do Bolo: " Chámase Goudelia porque está feito con extracto de folla dunha variedade de cepa autóctona de aquí como é o godello.Teño tamén unha crema feita con mel do Bolo e unha crema que leva follas de mencía que é moi boa para fortalecer as pequenas venas en caso de hemorroides ou de varices"
Tamén conta cunha crema facial e un contorno de ollos. Fórmulas propias rexistradas no Portal Europeo de Cosméticos que se poden comprar a través dunha páxina web aínda que a maior parte das vendas son na farmacia.
Vicente Álvarez. Farmacéutico do Bolo: "tamén teño plantas medicinais a granel que se usan moito para infusións, varias mesturas de plantas que xa se sabe que teñen efectividade para distintas doenzas e que recorda as antigas boticas".
Produtos da Horta do Boticario que comparten espazo cos industriais e que buscan pór en valor a sabedoría que nos legaron os monxes.