A Universidade da Coruña sanciona un profesor por unha agresión verbal a unha compañeira
Instruíu o expediente unha persoa independente experta en dereito penal
Reunión do Consello de Goberno da UDC en xullo. Europa Press.
A Universidade da Coruña impuxo unha sanción de suspensión de emprego e soldo a un profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura por unha agresión verbal a unha compañeira.
Desde a institución académica explicaron que, desde o momento en que tiveron coñecemento "dunha situación de agresión verbal", estableceron medidas cautelares "para a protección da denunciante".
Segundo precisaron, estas medidas contaron coa implicación dos servizos de seguridade da UDC e da dirección do centro. Así mesmo, indicaron que ofreceron á denunciante o servizo de apoio psicolóxico e acompañamento da institución académica.
Ademais, iniciaron un procedemento sobre os feitos relatados na denuncia, que deron lugar á instrución dun expediente por parte dunha persoa independente e experta en dereito penal.
O proceso desembocou nunha resolución firme, coa imposición dunha sanción de suspensión de emprego e soldo.
Desde a UDC trasladaron a súa condena a "todo tipo de violencia". "Actuamos no ámbito das nosas competencias", subliñaron.