Galicia endurece os castigos no deporte: expulsión de por vida para o agresor
A decisión adoptouna a Federación Galega de Fútbol e a Comisión de Control da Violencia no Deporte
O detonante, a agresión que sufriu o árbitro por pitar un penalti no final dun encontro de veteranos no campo lugués da Cheda
O xogador foi expulsado do club e inhabilitado por tres anos polo Comité de Competición
Máis castigos e máis duros para os casos de violencia nos terreos de xogo. Galicia será das primeiras comunidades que poderá expulsar de por vida das competicións os agresores.
"A esa xente imos poder sacala dos terreos de xogo, ir a unha inhabilitación e que non volvan cometer ese tipo de actos" explicou Borja Bilbao, delegado provincial de árbitros en Lugo.
A decisión adoptouna a Federación Galega de Fútbol e a Comisión de Control da Violencia no Deporte. O detonante, a agresión que sufriu o árbitro por pitar un penalti no final dun encontro de veteranos no campo lugués da Cheda.
"Unha desagradable actuación, desde o Alianza Club de Fútbol xa adoptamos medidas, foi expulsado do club", di o vicepresidente do club Juan Pablo Muñoz.
Esa foi a sanción do club do xogador. O Comité de Competición inhabilitouno por tres anos. Unha sanción que co novo regulamento podería chegar aos cinco. Nos últimos días abríronse cinco expedientes por agresión. Ademais da de Lugo, días antes, outro árbitro de só 18 anos era agredido en Portonovo.